Cando os habaneiros compraban en Vilalba terreo que fora dos fidalgos

XOSÉ ANTÓN POMBO

AMÉRICA

Fachada da casa construída por Vicente Peña na rúa do Rolo a finais do século XIX
Fachada da casa construída por Vicente Peña na rúa do Rolo a finais do século XIX XOSÉ ANTÓN POMBO

Vicente Peña, que fixera fortuna en América, comprou no Rolo, en 1880, leiras que xeraran unha longa disputa

04 jul 2023 . Actualizado a las 18:56 h.

Establecido na praza do pan, casado con Teresa Sanjurjo que era neta de Juan Antº Pardo Osorio, xa defuntos os principais litigantes, aparece en escena Ramón Carreira. Aproveitando a fragmentación daquelas cortiñas de 1696 e usando as súas posibilidades económicas, dá en comprar aquelas cortiñas e aquelas herdanzas.

En 1836 Mª Josefa López Queija, da liñaxe dos Pardo, en nome dela e das súas dúas fillas, venden a súa parte, a Ramón Carreira, farmacéutico e curmán político dela, porque os Montenegros intrusábanse nas cortiñas malia perderen o preito. No mesmo ano María Pardo Osorio vende a súa parte do prado do Rolo ao cura de Mourence.

Dous anos despois figura tamén Ramón Carreira como aforado das cortiñas do vínculo que eran propiedade da súa parente Antonia Pardo Osorio. En 1842 o farmacéutico recupera unha casa e uns largos no Rolo que os Montenegro venderan porque ían perder outro preito por esa propiedade que construíran alegalmente.

Nese mesmo ano faise cunha casa no Rolo e medio ferrado de terra. En 1845 compra a Antonia Pardo Osorio, residente en Aldixe, o foro de parte das cortiñas que o marqués de Montesacro outorgara en 1735 a antepasado dela, un Rois emparentado con aquela Josefa Pardo de Rois que por solteira con fillo non puido herdar o vínculo das cortiñas.

En 1852 Mª Josefa Cupeiro Pardo e o seu esposo José García véndenlle o que quedaba. En 1880 Carmen Carreira Sanjurjo, filla do boticario, era dona das leiras dos litixios. Facendo uso do previsto no convenio de 1867 entre a Igrexa e o Estado, inicia o trámite de redención do vínculo que, tras do oportuno expediente, acepta o bispado de Mondoñedo.

Tomando como referencia a chamada ‘deuda consolidada’, o equivalente ás preferentes de hai pouco tempo, deixa libre de cargas o vínculo das cortiñas coa achega de 85 reais e 36 céntimos, o equivalente a unha misa durante vinte anos ou a algo máis de dous pares de capóns daquel ano. Cento oitenta e catro anos despois, o vínculo deixou de selo definitivamente.

O camiño estaba libre para a súa venda. Será daquela, cando se estableza en Vilalba Vicente Peña Rodríguez, o comprador da propiedade. Faltaban vinte anos para o século XX. Era un habaneiro retornado con fortuna que casara con María Novo Pardo, filla dos caseiros do pazo de Mourence e irmá do cura de Devesos-Ortigueira, parroquia de orixe do emigrado retornado.

En lugar doutra anterior, construíron casa no Rolo en 1887 e deles descende unha ampla liñaxe que durante o século XX estenderá a súa influencia na historia e na intrahistoria de Vilalba. Plácido (médico), Lois (avogado e destacado galeguista) e Antonio (procurador e historiador) foron algúns dos fillos deste matrimonio.