Federico Cachafeiro: «Meira e Riotorto non poderían ter mellor embaixador que Avelino Díaz»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

AMÉRICA

PALACIOS

Afirma que o nivel de difusión do escritor ten medrado nos últimos anos

19 nov 2022 . Actualizado a las 02:09 h.

Hai poetas que acadan o éxito estando vivos. Outros conségueno xa mortos, ao recibiren homenaxes coma a do Días das Letras Galegas. Tamén semella haber un terceiro grupo, o dos que obteñen o aprecio social de lugares nos que viviron, onde pasan a ter unha función algo simbólica. O caso de Avelino Díaz (1897-1971) é un deses, pois en Riotorto (naceu na parroquia da Órrea) e en Meira, onde viviu na nenez e na xuventude, funciona unha activa asociación cultural co seu nome.

O presidente, Federico Cachafeiro, preside a directiva dunha entidade que ten uns cen socios e que leva anos loitando para que ao poeta se lle dedique o Día das Letras Galegas, explicando que sería unha maneira de recoñecer o papel dos que desenvolveron o seu labor na emigración e o exilio. Díaz marchou a América na mocidade, volveu a Meira, partiu de novo anos despois e xa non volveu. Está enterrado en Bos Aires.

-Unha asociación que organiza actividades sociais non é rara. É máis difícil mantela cando ten unha orientación máis ben cultural?

-O fundamental é dar a coñecer a vida e a obra de Avelino [Díaz]. Aínda que en América foi recoñecido, en Galicia non o é, está como enterrado. Marchou aos doce anos; logo, os vintedous, marchou outra vez... É descoñecido, aínda que a asociación algo vai conseguindo. Entre as actividades da asociación, que leva xa varios anos de funcionamento, hai xa institucionalizadas varias cousas: o concurso literario, o roteiro e as xornadas, que se fan este ano por terceira vez.

-Vaise conseguindo que a figura de Avelino Díaz sexa máis coñecida?

-Si. Hoxe vas a calquera organismo, e xa se sabe algo del porque se teñen publicado cousas; pero é difícil loitar coa Academia. No concurso de poesía, ademais, hai premiados doutras provincias. Eses nenos van collendo un verniz para o día de mañá e saben que Avelino Díaz existiu. En calquera sitio xa van xurdindo cousas. (Cachafeiro amosa un amplo conxunto de fotocopias de recortes de prensa). Avelino Díaaz ben merece que se traballe por el.

-Hai realmente apoios para este labor?

-Os concellos de Meira e de Riotorto pórtanse ben. Axúdannos, facemos actos en Riotorto e en Meira... É unha maneira de que nos vaian coñecendo, e a todos temos que darlles as grazas.

-Paga a pena traballar pola cultura?

-Paga a pena se hai resultados. Avelino Díaz xa vai sendo coñecido. É difícil: fas un acto; ao mellor aparecen 50 persoas; decepciónaste un pouco... Pero fas o roteiro, con comida, e hai máis xente.

-Funciona a figura de Avelino Díaz case coma un embaixador?

-Por suposto.

-É unha alegría que eses concellos sexan coñecidos por el?

-Éo. Meira e Riotorto non terían mellor embaixador. Esa relación queda para sempre.

-Pérdese o entusiasmo se non se dá acadado o obxectivo dun Día das Letras Galegas para Avelino Díaz?

-Non. A asociación traballa, e non é que o faga eu senón que o fan todos. Cando se organiza algo, a xente participa.

-Queda campo de futuro sen traballar aínda?

-Si. Temos conseguido documentos del; hai xente moi implicada, as outras asociacións de Riotorto e de Meira teñen colaborado coa nosa.

-Riotorto e Meira non teñen a poboación dunha gran cidade, pero hai menos distancia coa xente. Conéctase mellor?

-Si. A xente participa, non só acudindo a unha conferencia. Nunha cidade unha asociación como a nosa pode pasar máis inadvertida. A xente pregúntache `como vai o de Avelino?`. Gustaríalle que se lle dese o recoñecemento do Día das Letras Galegas.