Roi Casal fai as Américas

AMÉRICA

MARTINA MISER
MARTINA MISER

A banda do arpista catoirense cruza o charco para leva á diáspora galega de Uruguay, Arxentina e Cuba o seu último traballo, «Donos do noso destino»

09 may 2014 . Actualizado a las 12:35 h.

| Cando no ano 2009 saíu o seu primeiro disco, Lendas douradas, a xente insistiu na advertencia: «Roi, para isto en Galicia non hai mercado, non hai público». Acababa de deixar incomprensiblemente Milladoiro, a onde chegou para substituír a arpa de Rodrigo Romaní e onde se movía nas coordenadas do éxito seguro. «Aquilo foi como se che din que vas fichar polo Madrid. Foi un regalo. Pero, honestamente, dez anos despois, eu tiña unha débeda comigo mesmo, e con 28 anos era tempo de tomar riscos, de emprender un novo proxecto, cunha estética diferenciada». Habería que xogar en campos de terceira e de rexional, «xa se vería se nalgún momento volvía pisar o Bernabéu».

Apenas un lustro despois, as dúbidas parecen despexadas, a banda de Roi Casal marcha con paso firme. Nunhas horas cruzará o Atlántico para achegar o seu terceiro traballo, Donos do noso destino, ás capitais da diáspora galega, como xa fixo en Zürich o pasado 22 de marzo. O martes estarán no teatro Valle-Inclán del Centro Gallego de Montevideo, o máis antigo do mundo. Catro días despois, o sábado, tocarán nun dos teatros máis importantes do planeta, o Avenida de Buenos Aires. Será o Día das Letras Galegas, que Roi Casal festexará cun dos temas do último álbum no que pon música a un poema de Xosé María Díaz Castro, O sol na corda. O recital contará co seu pai, Nando Casal, gaiteiro ilustre e membro fundador de Milladoiro. O día 20 de maio, no festival internacional Cubadisco, cunha actuación no Museo de Bellas Artes, en La Habana, coroarán esta primeira parte do seu tour americano Pura Esencia de Galicia, que retomarán no inverno con varios concertos nos Estados Unidos. Entre ambas fases, o grupo do arpista catoirense enfrontará a xira estival galega que terá alomenos quince paradas -aínda está pechando o calendario.

«A cancha para nós»

O barco navega con pulso firme. «Tes que ter claro que se non vendes e fas concertos isto acábase, podes mantelo seis, dez meses por amizade cos músicos, pero acábase». Por iso Roi lle dá tanta importancia aos directos. Co disco Maxicamente vello fixeron medio centenar, síntoma definitivo da saúde do proxecto. A banda ten a estrutura básica dunha formación pop rock: guitarra, baixo e batería, aínda que aderezada con arpa e zanfona, os instrumentos que domina Roi Casal. «É a vantaxe que temos, o público que creamos en Galicia témolo para nós case en exclusiva porque non hai competencia. Temos a cancha para nós e entramos de vez en cando na dos demais, en festivais folk e de jazz. Non facer unha música especializada é malo para algunhas cousas pero bo para outras». O do pop non ten porque ser unha mancha, algo do que desconfiar. «Tampouco é só pop, nin puramente música lixeira, non lle poño etiquetas, e leva as súas cargas de profundidade, moitas veces agocha a súa mensaxe».

E a mensaxe é nidia neste disco. Roi Casal canta ao fin dos tempos de burbullas e insta á xuventude, á xente, a traballar, a comprometerse, para con creatividade e esforzo saír da crise. Está dalgunha maneira falando do seu percorrido cheo de sacrificios persoais. «Non se aproveitou unha oportunidade impresionante, na que había moitos cartos públicos, nos vinte últimos anos. ¿Que quedou? Unha débeda astronómica que devolver. Os alemáns, claro, reclaman o diñeiro que malgastaches. A soberanía ten que ser económica», constata.

De aí a oportunidade da visita á diáspora galega, unha homenaxe ao esforzo de varias xeracións que marcharon en busca do seu propio destino, un canto á emigración que queda explicitado en No adeus. Pero tamén en The Captain of My Soul, onde pon música aos versos do poeta William Ernest Henley cuxa lectura deu folgos no cárcere a Nelson Mandela, e dos que extrae o título do álbum.