O arcebispo galego que salvou a Fidel Castro

Xavier Casares FIRMA INVITADA

AMÉRICA

04 may 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

Dous personaxes relacionados con Galicia, entrecruzaron as súas vidas durante a revolución cubana: Fidel Castro Ruz, mundialmente coñecido, fillo dun galego, e Enrique Pérez Serantes, un galego practicamente descoñecido na terra que o viu nacer, pese a ser o arcebispo de Santiago de Cuba e primado da Igrexa cubana, que lle salvou a vida ao comandante.

Pérez Serantes naceu, circunstancialmente, en Tui o 29 de novembro de 1883, onde o seu pai Agustín, natural de Freixo, Celanova, exercía de garda civil de fronteiras. O pequeno Enrique trasladouse a moi temperá idade ás terras de San Rosendo coa súa familia. Por influencia do párroco de Freixo, que descubriu en Enrique unha capacidade intelectual pouco usual, ingresa no Seminario Conciliar de San Fernando de Ourense, onde estivo ata cumprir os dezasete anos. Como non quería incorporase ao servizo militar, viaxou á Habana, sendo acollido por un parente da súa nai Regina. Alí continuou os estudos relixiosos. Dada a valía, preparación e dotes intelectuais, foi enviado a Roma, doutorándose en Sagrada Teoloxía, Dereito Canónico e Filosofía Eclesiástica pola Pontificia Universidade Gregoriana. En 1910 retorna a Cuba, onde é ordenado sacerdote polo bispo da Habana. Sendo un xoven clérigo, destacou por unha fonda preocupación social, que puña de manifesto escribindo artigos na prensa do país. Nun deles recoñecía a folga dos traballadores como un medio lexítimo para defender os seus dereitos. En 1922 foi ordenado bispo de Camagüey e en 1949, arcebispo de Santiago de Cuba e primado da Igrexa cubana. É despois desta data cando comeza a vivir, en primeira persoa, os principais sucesos políticos e sociais da illa, sempre cun espírito mediador e crítico cos abusos do poder.

O 26 de xullo de 1953 produciuse o asalto ao cuartel Moncada por un grupo de guerrilleiros liderados por Fidel Castro, que se refuxiaron, posteriormente, nos montes de Santiago. O arcebispo foi requirido por distintos persoeiros de Cuba, para intermediar coas autoridades, co fin de evitar que Fidel e os seus compañeiros, unha vez detidos, fosen fusilados. Pactou persoalmente co xefe militar da zona a súa intervención, comprometéndose a contactar cos guerrilleiros e convencelos para que se entregasen, a condición de que as súas vidas fosen respectadas. Fidel, coñecendo as garantías do arcebispo, entendeu que entregarse, era a única saída para conservar a vida. Así o fixo. Dende entón, Pérez Serantes mantivo un forte vínculo co Movemento 26 de Xullo, apoiado por unha ampla maioría dos católicos do país. A boa relación dos líderes revolucionarios coa igrexa cubana, comezou a crebarse, pola progresiva influencia do sector comunista do Movemento 26 de Xullo. En novembro de 1959, Pérez Serantes convoca o Congreso Nacional Cubano na Habana, coa asistencia de un millón de persoas, nunha demostración de forza do catolicismo da illa, para rexeitar o xiro prosoviético da revolución. A partir desa data, iníciase unha etapa crítica para os católicos. Nese escenario, o arcebispo publica varias pastorais denunciando contundentemente os ataques á liberdade de ensino, as nacionalizacións sen indemnizacións, e a reforma agraria que deixaba a moitos pequenos propietarios sen terras. Nos derradeiros anos da súa vida foi invitado, en varias ocasións, a trasladarse a vivir en Roma, invitacións que sempre rexeitou.

Sen renunciar, en ningún momento, ás súas conviccións, morreu no Sanatorio da Colonia Española de Cuba, o 18 de abril de 1968. Está soterrado na catedral da Nosa Señora da Asunción de Santiago de Cuba.

Hai moi poucas referencias en Galicia sobre un personaxe que destacou por desempeñar un papel de grande importancia na igrexa cubana e a súa relación coa revolución. Alfredo Conde, no seu libro de conversas con Fidel, preguntoulle pola participación do arcebispo como garante da súa detención; o Comandante, contestoulle restándolle importancia a ese feito. Sen embargo, si se le a única biografía que se escribiu sobre Pérez Serantes, perfectamente documentada, publicada no 2011, obra de Ignacio Uría, doutor de Historia Contemporánea de América e profesora asociado da Universidade de Navarra titulada Iglesia y revolución en Cuba, Enrique Pérez Serantes, el obispo que salvó a Fidel Castro, descubrirase a importancia do personaxe.

Monseñor Pérez Serantes viaxaba regularmente a Galicia. Coñecino en Xinzo, na casa dos meus pais. Era curmán de Mercedes, a miña aboa materna.