Un lucense dando clases de galego en Alemaña: «En Europa hai xente tan interesada no galego como en calquera outro idioma»

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA LUGO / LA VOZ

ALEMANIA

Ivan Regueiro ten 32 anos e leva tres cursos como profesor de galego no estranxeiro
Ivan Regueiro ten 32 anos e leva tres cursos como profesor de galego no estranxeiro

Ivan Regueiro, de O Páramo, forma 20 alumnos na universidade de Heidelberg

31 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Iván Regueiro comezou a súa carreira, Tradución e Interpretación, tiña claro que, aínda que o mercado laboral parecese máis reducido, a lingua que escollería sería o galego. «É o que me gusta». Tras cursar o grao especializado en tradución de inglés a galego, o lucense de O Páramo atopouse con que o interese polo idioma galego chegaba moito máis alá das nosas fronteiras. Dende 2019 é «lector» de galego na cidade alemá de Heidelberg. Alí ensina o idioma e tamén a cultura que o acompaña: «É unha honra».

—Como chegou a ser profesor en Heidelberg?

—Xa estivera en Alemaña porque fixen o Erasmus en Colonia. Despois volvín a Galicia para seguir cos estudios e regresei de novo a Colonia para facer prácticas tres meses nunha empresa de tradución. Unha vez que rematei os estudos en Vigo topeime con que non había nada do meu para traballar, así que pedín varias becas. Unha delas foi a de lectorado de galego da Xunta, concedéronma e trasladeime para Heidelberg en setembro do 2019. Escollín Alemaña porque o alemán era o meu segundo idioma estranxeiro despois do inglés.

—Que son os lectorados?

—É un programa da Xunta para internacionalizar a cultura galega. Tamén o fan a Generalitat e o Goberno Vasco. Son becas en colaboración con universidades que hai tanto por España como por Europa, como en Alemaña, Francia ou Inglaterra. Aquí en Heidelberg xa comezou en 1995.

—En que consiste o seu traballo?

—Dou clases na Facultade de Tradución e na de Linguas Románicas. Encárgome de tres materias optativas que son Galego 1, Galego 2 e un seminario, que se trata dunha clase máis especializada en temas de cultura, historia de Galicia, literatura ou música. Esta é un acercamento ao contacto lingüístico en Galicia e á situación do idioma tamén con respecto ao castelán. Imparto tres clases á semana, un día dou dúas e outro, unha, e duran unha hora e media.

—As súas clases teñen demanda?

—Pois si que hai interese. Este semestre teño oito alumnos en Galego 1, que é o nivel máis básico; tres en Galego 2 e dez na clase do seminario. Nesta universidade incluso hai xente facendo a súa tese de doutoramento sobre cousas do galego. Dar a coñecer o traballo de lector é unha forma de axudar a normalizar a lingua de cara a sociedade galega. O galego estúdase noutros países e a xente elíxeo como elixiría outro idioma calquera.

—Que perfil de alumnos ten?

—Ao ser clases que non son obrigatorias, o perfil é de estudantes interesados nas linguas e na tradución. Aínda que tamén destaca que hai moitos que coñecen o Camiño de Santiago e ao ver o galego na oferta optativa interésanse. A maioría son alemáns ou estranxeiros que levan anos vivindo aquí, porque hai moita inmigración. Tamén acoden algúns estudantes de Eramus españois.

—Coñecen Galicia polo Camiño?

—Moitos si. Hai uns anos un humorista alemán escribiu un libro sobre o Camiño que tivo moitísimo éxito e fíxose moi famoso. Moitas veces a min pregúntanme de onde son e cando digo que son de Galicia non o sitúan, pero se lles digo que son de onde remata o Camiño de Santiago si. Eu que son de cerca de Portomarín, xa puiden ver na casa que hai moitos peregrinos alemáns.

—Os que cursan galego xa estudaron castelán antes?

—Algún si que estudaron español ou portugués, pero agora teño alumnos que saben moi pouco e chegan para aprender concretamente galego. Sobre todo hai moito interese de xente que estudou portugués e queren saber se verdadeiramente o galego é semellante.

—Como é primeira toma de contacto para os alemáns?

—O primeiro acercamento é un nivel moi básico. Ola, adeus, como te chamas, de onde es... O que máis lles interesa é saber como é a lingua, son moi «frikis» dos idiomas. Gústalles por exemplo coller unha palabra en latín, como pode ser ‘estrata' e ver que en italiano é semellante, que en castelán é ‘carretera' pero en galego estrada. Ver a evolución.

—A clase na que máis alumnos ten é precisamente a que non se centra no idioma.

—Si, no seminario hai xente que fala español ou con máis nivel de galego. Tratamos temas máis sociolóxicos. A raíz de coñecer o idioma tamén querer saber o contexto da lingua e toda a cultura que a rodea, en parte interesados polo Camiño pero non todos chegan por iso a esta clase.

—Como foi dar clase por primeira vez?

—Foi un pouco duro e complicado. Hai pánico escénico e sempre tes un pouco de dúbida de se o estás facendo ben. Aínda que o problema foi que cheguei en outubro do 2019 e uns meses despois comezou a pandemia. Tivemos, como todos, que adaptarnos ás clases online e para min foi difícil adaptarme aquí.

—Por que?

—Gustaríame quedarme máis en Alemaña para aprender o idioma, pero a xente é menos próxima, cústalles ter amizades profundas como as que temos nós e tamén a improvisación.

—Esperaba traballar co galego fóra de Galicia?

—Cando acabei a carreira e vin cal era a miña situación e a dos meus compañeiros topeime co problema que hai en moitas outras profesións. Hai xente ben formada pero o sistema galego non o absorbe. Con respecto ao idioma, aquí hai interese como por calquera outro, o problema témolo os propios galegos. Os tradutores en Galicia son autónomos e dedícanse a outra cousa relacionada cas linguas, sobre todo relacionado co inglés.

—Que supón para vostede facer de lector?

—É unha honra por unha parte, pero tamén é un reto porque quero dar una boa imaxe e transmitir coa maior veracidade.