Federico Pérez: «Rodando 'Mareas Vivas' empecei o meu idilio cos percebes do Roncudo»

Melissa Rodríguez
Melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

ALEMANIA

.

A remollo | O coñecido intérprete animouse a subir o muro co Gran Fondo Ézaro e non é a primeira vez que o fai

01 ago 2021 . Actualizado a las 11:00 h.

Federico Pérez Rey (Alemaña, 1976) é un dos grandes da escena galega. Josito, en Padre Casares, ou Moncho, en Era visto, foron só algúns dos seus moitos papeis como actor en televisión, pero o mazaricán tamén se desenvolve á perfección no cine ou no teatro, e é así mesmo guionista e monologuista. Unha faceta súa non tan coñecida é a de deportista. O pasado 11 de xullo subiuse á bicicleta e non dubidou en ascender o muro co Gran Fondo Ézaro.

-É fillo da emigración en Alemaña, entendo.

-Si. Ao regresar, fixemos unha pequena parada en Vigo, pero crieime en Mazaricos, de onde é miña nai.

-Onde vive agora?

-En Santiago, pero regreso a miúdo á casa.

-A Costa da Morte quédalle moi preto. Coñécea de principio a fin?

-É tan misteriosa e máxica e fantástica, que sempre quedan esquinas sen coñecer, pero diría que si. Teño moitos recordos das excursións que faciamos cando estaba no colexio de Pino do Val que, por certo, agora o pechan, outra vítima máis do despoboamento, da marcha da xente para as cidades, unha pena. Flipaba con todos aqueles lugares espectaculares.

-Cal é o recuncho que máis lle gusta?

-Todo en xeral, pero o propio Ézaro, toda esa zona, e despois Fisterra, Nemiña... Hai uns cantos que para perderse son marabillosos.