«O que fun buscar fóra serviume para ver o valor do que tiña na casa»

mar gil OURENSE

ALEMANIA

Julia Quintana marchó de Allariz con 18 anos e agora vive en Alemania. As súas investigacións animárona a crear unha empresa familiar de castañas

12 nov 2018 . Actualizado a las 08:03 h.

Marchou de Allariz con 18 anos para estudar Bioloxía na Complutense de Madrid e fíxoo encantada, desexosa de respirar mundo, pero agora, superados os 35, Jula Quintana González sente que a morriña pesa cada día un chisco máis e soña con regresar.

«A verdade, -admite- sempre tiven ansia de saír, de coñecer xente doutros países, de percorrer un pouco o mundo. Non é que Allariz non sexa un pobo aberto, que o é con creces, é que a apertura de mente coa que os meus pais me criaron tornouse nunha necesidade vívida de recibir influencias de ultramuros, de atopar o meu sitio no mundo».

O primeiro dos seus sitios no mundo foi Madrid. Alí viviu 12 anos: «Terminei Bioloxía, rematei un máster en recursos fitoxenéticos e cursei a miña tese doutoral, que defendín no ano 2015. Durante os meus estudos doutorais traballei co castiñeiro, intentando mellorar o noso conecemento nas variedades do Bierzo. Deime conta da riqueza deste noso recurso e, xunto con meu pai e os meus irmáns, fundamos a empresa Castañas Petelo. Xa van 4 anos daquilo, e o proxecto segue adiante. É estraño ?reflexiona-, o que fun buscar fóra serviume para ver o valor do que tiña na casa, ao meu carón».

Cando Julia defendeu a tese de doutoramento xa andaba en Finlandia, na Universidade de Helsinki. Desde alí marchou a Massachusetts (EE UU), onde estivo 2 anos no Worcester Polytechnic Institute. Actualmente está en Alemaña, en Bochum, traballando na Universidade do Ruhr.

«Traballo como investigadora. As miñas pescudas teñen que ver coas plantas. Intento entender -detalla- por que precisan nutrientes como ferro, cobre ou zinc, e como eses nutrientes teñen que existir nunha dose moi controlada para que as plantas crezan e nos dean a comida que tanto precisamos. Isto ten moito que ver co futuro pois, canto máis saibamos da cantidade de nutrientes que precisan os cultivos, mellor poderemos controlar o uso, máis ben abuso, de fertilizantes».

No traballo, Julia non lle bota contas ao tempo: “O meu traballo é vocacional. Paso moitas horas no laboratorio. Os científicos temos que ser moi tolerantes á frustración, porque na maioría das veces as cousas non saen. Pero a satisfacción neses días onde as cousas saen é a mellor sensación do mundo!».

Entre as peores sitúa as distancias físicas e emocionais: «A miña familia está en Allariz e a miña parella, en Madrid. É duro, talvez a peor parte de ser emigrante. Son privilexiada por ter recibido influencias de tantas culturas e por ter traballado en países onde a ciencia é una parte fundamental da sociedade, pero a morriña co tempo vólvese máis intensa e, ao final, sentes que non pertences 100% a ningún sitio. Para os países aos que vas, non deixas de ser a persoa que emigra para buscar mellores condicións persoais ou laborais. É certo que me sinto moi orgullosa do que teño viaxado e vivido, pero quero volver».

Non será de inmediato porque, argumenta, «agora estou nun bo momento da miña carreira e quero aproveitar para mellorar a miña experiencia. Gustaríame que, ao final da mina estadía en Alemaña, o meu currículo fose competitivo para poder aspirar a dedicarme á ciencia en España. O problema para os científicos nunca foi marchar, é retornar. Gustaríame volver e contribuír á necesaria revitalizacion científica».

Da dureza da histórica industria mineira á beleza do lago Kemnader

trayectoria vital

Julia Quintana González (Allariz, 1983) estudou Bioloxía na Complutense de Madrid e dedicouse sempre á investigación en diferentes universidades, desde Estados Unidos a Finlandia. Actualmente traballa na do Ruhr, en Bochum (Alemaña), nun proxecto sobre nutrición e fertilización das plantas destinadas á alimentación. É fonda coñecedora do mundo das castañas.

Bochum, irmandada coa capital asturiana, Oviedo, atópase na zona máis poboada de Europa, en North-Westfalia, apunta Julia para situarnos xeograficamente nunha cidade que, dentro da todopoderosa Alemaña, non é tan economicamente prohibitiva coma outras urbes. «Gústame -explica a investigadora allaricense- que é unha cidade pequena e está entre as cidades máis baratas de Alemaña. Ás veces boto en falla un pouco de apertura de miras nas opinións políticas, pero non podo deixar de pensar que é máis fácil culpar ao emigrante do que che pasa que ver a realidade». Outra vantaxe de Bochum, tanto para os residentes como para os visitantes, é a súa estratéxica situación: «È unha zona a unha distancia cómoda de Bruxelas, Amsterdam, París, Berlín ou Copenhague, destinos que podes visitar en tren».

Se o que se trata é de descubrir a súa cidade de acollida, Julia suxire unha visita á fábrica de cervexa Fiege e ao Museo da Mina, dúas propostas vencelladas a un lugar de gran tradición mineira e coñecido por ter albergado moitos anos a fábrica de Opel. Se o visitante busca natureza, «o lago Kemnader é espectacular» e para socializar, «no Bermuda 3Eck encontras sempre moi bo ambiente para saír de cena ou tomar unha copa».