Lito Vila: «Paréceme lóxico viaxar coas letras a onde un non pode estar cada día»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

ALEMANIA

LUCÍA JUNQUERA

Profesor en Alemaña, acaba de publicar unha novela ambientada en Santiago

03 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dacabalo entre a Compostela dos 90 e a de hoxe, Iago Miranda tenta resolver a desaparición do seu amigo da infancia e a morte dunha estudante erasmus hai 15 anos. Campus Morte é a primeira novela de Lito Vila Baleato (Alemaña, 1978), profesor no país xermano, veciño do barrio de San Pedro e afeccionado á novela negra que decidiu dar o salto de lector a escritor grazas aos azos de Francisco Castro, director de Galaxia. Escribiu esta novela negra en case dous anos, aproveitando un permiso de paternidade. Semella que funcionou, porque xa vai pola súa terceira edición.

-A cidade xoga tamén un papel relevante nesta novela.

-Sempre digo que Santiago é outro protagonista da novela. Eu son de aquí, dos Lagartos, do barrio de San Pedro, e paréceme o máis lóxico que cando un escribe que queira viaxar coas letras a onde non pode estar fisicamente cada día. De feito, a residencia de Iago é aquí na Rúa de San Pedro. O outro día dicíanme que lle falta incluso un pouco máis de barrio. Si que me gustaría, a verdade, e de feito a cabeza non para e se teño a posibilidade de escribir algo máis encantaríame poder situar un morto aquí en Bonaval.

-Como Lito Vila, Iago Miranda é profesor en Alemaña...

-Xa me teñen dito se é un alter ego meu, e non é o caso. [Ri]. Si que é certo que leva o nome do meu fillo e o apelido do meu pais, pero son esas pequenas chiscadelas que ten.

-¿E como nace «Campus Morte»?

-Eu estou traballando en Alemaña como profesor, e alí empecei a colaborar cunha editorial de libros de texto, porque houbo un bum do ensino do español e empezou a crearse moitísimo material, entre eles libriños de lectura, porque non había ou non tiñan moita calidade. Mandeille a Francisco Castro un deles pero xa avisando de que iso non era para público galego nin español, porque están dirixidos a alumnado alemán que estuda español como lingua estranxeira. Animoume a escribir e eu encantado. Mandeille os tres primeiros capítulos e gustáronlle. Así empezou todo.

-¿Por que iniciarse nun xénero como a novela negra?

-Supoño que basicamente porque son moi lector de novela negro. Gústame ler todo, pero si que é certo que consciente ou inconscientemente tendo moito a ler novela negra non só galega nin española, senón tamén alemá ou escandinava traducida. Pero si que son moi lector e un ao mellor di, «a ver se son capaz». Co cal ao primeiro un está un pouco... non sei se inseguro. A verdade é que neste caso, a única persoa que leu a novela antes de publicarse foi a miña muller, ninguén máis, pero porque me daba algo de vergoña, e sabía que ela ía ser sincera.

-Nacido en Alemaña fillo de emigrantes, criado en San Pedro, e hoxe traballando de novo en Alemaña. Sempre din que hai que escribir do que un coñece. ¿Non pensa en escribir unha novela sobre a emigración?

-Aquí a emigración xa é un tema que está presente aquí [Abre o libro e aparece unha viñeta de Castelao sobre a emigración], o protagonista é un emigrante e hai un par de chiscadelas, porque Iago di nalgún momento «se cadra vai sendo hora de volver para a casa»... A emigración está aí, non é tema para nada da novela, pero o protagonista é un emigrante.

-¿E Lito Vila, vai volver?

-Eu vontade toda, teño todas as ganas de volver porque isto tírame moitísimo, pero o que pasa que eu alí estou encantado co meu traballo. Isto é algo que digo sempre que é que a min gustaríame volver aquí para traballar de profesor, porque é a miña idea dende o principio e porque me gusta moitísimo ser profesor.

O protagonista. Lito Vila Baleato leva 16 anos vivindo en Alemaña, onde exerce como profesor de español no ensino secundario.

O proxecto. A súa primeira novela, «Campus Morte» é un relato de misterio que transcorre dacabalo da Compostela dos anos 90 e da cidade actual.