Ayán publica un libro de memorias sobre unha misión científica en Etiopía
18 ene 2021 . Actualizado a las 12:47 h.Xurxo Ayán, director técnico dos proxectos arqueolóxicos que se desenvolven desde hai anos na Pobra do Brollón, acaba de publicar en Edicións Positivas o libro Onde as rúas non teñen nome, no que narra as súas experiencias como participante nunha expedición promovida polo Consejo Superior de Investigaciones Cientificas que se levou a cabo na área fronteiriza entre Etiopía e Sudán no 2006.
-Por que publica agora un libro sobre unha misión cientìfica de hai quince anos?
-En realidade escribino no 2007, despois de volver de Etiopía. Por entón xa tiven a posibilidade de publicalo, pero ese proxecto frustouse debido á crise económica do 2008 e o libro quedou no caixón ata agora. Cando me ofreceron participar nesa misión de carácter arqueolóxico e antropolóxico estaba preparando a miña tese doutoramento sobre o mundo castrexo galego. Ao regresar interrompín a tese e púxenme a escribir este libro. Despois refixen a tese por completo, porque esa experiencia en África foi moi clarificadora e cambiou o meu modo de ver o noso pasado prehistórico e o mundo rural.
-En que sentido?
-Por unha parte, porque foi moi útil ver directamente como funciona unha sociedade rural tradicional en pleno período de transición á modernidade, que era o que estaba sucedendo en Etiopía nese momento e o que segue pasando agora. Iso foi en certo modo o que ocorreu en Galicia non hai moito tempo co desarrollismo franquista. Esa transición percíbese en África dun modo brutal, porque hai comunidades que seguen usando ferramentas e armas que parecen do Bronce Final ou do período Calcolítico, uns instrumentos arcaicos como que podemos ver no Museo Provinvial de Lugo, mentres os rapaces levan camisetas da NBA e escoitan rap. Ademais, son unhas sociedades moi traumatizadas polas guerras, que é algo que tamén sucedeu aquí.
-Que relación ve entre a Etiopía actual e o mundo castrexo?
-Hai paralelismos moi interesantes que axudan a entender o que seguramente sucedeu en Galicia coa romanización. O caso do pobo gumuz, un dos grupos étnicos cos que estivemos en contacto, é espectacular nese sentido. Unha parte deles, os que viven ao sur do Nilo Azul, están máis aillados e manteñen o estilo de vida tradicional, son en boa parte nómades e conservan os seus costumes. Os gumuz que viven ao norte do Nilo Azul están conectados por estrada coa capital do país, producen e exportan sorgo, entraron nunha dinámica capitalista e están moito máis influídos polo Estado nación etíope. En consecuencia, en vez de cubrir as súas casas con teitos de colmo, como fixeron sempre, cúbrenas cunhas chapas metálicas -que por outra parte son pésimas para protexer as vivendas do calor-, abandonan os seus costumes e utensilios e da súa cultura non conservan máis que os instrumentos de música tradicional. Todo indica que na Galicia castrexa houbo procesos moi parecidos a medida que se estendía a influencia romana, que tamén fixo mudar a arquitectura tradicional e modificou profundamente o modo de vida.
-Encontrou outras semellanzas que lle chamasen a atención?
-Creo que a experiencia foi tamén moi útil para comprender o papel da violencia no mundo castrexo, que foi una sociedade de poboados fortificados. O mundo da sociedade rural tradicional en Etiopía non é mundo pacífico. Hai unha tradición de guerras entre os distintos grupos que ten centos ou miles de anos de antigüidade e parece que no mundo dos castros se daba unha situación semellante.
«Nas sociedades africanas seguen existindo valores que aqui se foron perdendo»
Despois da súa participación na misión cientifica que reflicte no seu libro, Xurxo Ayán volveu a realizar investigacións arqueolóxicas en Etiopía no 2009, no 2010 e no 2013.
-Ten previsto volver traballar no Corno de África?
-A miña intención é volver, porque os que estiveron en contacto coas sociedades tradicionais africanas senten a necesidade de volver, como di o antropólogo británico Nigel Barley, que é todo un referente para min, e algo parecido dicía o xornalista e escritor polaco Ryszard Kapuscinski, que ten unhas obras marabillosas sobre África e morreu cando eu escribía este libro. Nesas sociedades, a pesar de todas as dificultades terribles que atravesan, vemos que seguen existindo uns valores que tamén foron propios da nosa sociedade rural e que se foron perdendo, como o sentido da hospitalidade, unha identidade comunitaria...
-Como ve a situación actual dese país, tendo en conta as súas experiencias?
-Moi complicada, porque Etiopía é hoxe un país moi militarizado e moi mediatizado por diferentes conflitos. Segue moi viva a pegada da guerra de independencia de Eritrea, está tamén a influencia do veciño Sudán do Sur, que se encontra nuna situación moi inestable... E ademais Etiopía é un Estado confederal dividido entre distintos grupos étnicos con diferentes intereses que chocan entre si. Entre 1974 e 1991 houbo un goberno comunista que intentou modernizar o país e establecer unha identidade común que os unise a todos, pero aquilo non callou e o país segue moi dividido. Hoxe Etiopía é un polvorín onde en calquera momento pode estoupar unha guerra civil.