Carlos Bellas Lamas: «Ter buses baleiros rodando non serve»

maría meizoso FERROL / LA VOZ

AFRICA

Deseña proxectos de transporte en Ruanda, onde se dan situacións moi similares a cando «a miña avoa camiñaba de As Somozas a Ferrol para vender os seus produtos»

05 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nuns días, o 10 de xuño, superará a barreira dos 30 anos. Pero Carlos Bellas, nado en Narón e con raíces en As Pontes e As Somozas, celebrará o seu aniversario lonxe da casa. Despois de completar os estudos de Enxeñaría de Camiños na Universidade da Coruña, a súa formación continuou cun máster en economía e cun curso de doutoramento en transporte. Desde o pasado ano traballa no Banco Mundial desenvolvendo proxectos en África. «Xurdiu a oportunidade de ir alá como parte do programa ICEX e así foi posible para min conseguir un posto de traballo aló».

-¿Que balance fai?

-Entre outras cousas, ofrecemos control e apoio técnico ao Goberno no deseño e implementación de proxectos de estradas, así que o mellor do traballo é a satisfacción de ver coma proxectos axudan á vida das persoas. Lembro a unha muller que dixo que grazas á nova estrada, cando tivo ao seu fillo, chegou a tempo a ter atención sanitaria. Antes da mellora da estrada, había mulleres que perdían a vida ou ao neno por non chegar a tempo.

-Móvese entre Washington e Ruanda. Dous escenarios antagónicos. ¿Ve algún parecido con Galicia?

-Dende logo que si. A parte occidental ten costa no Lago Kivu, con moitos entrantes parecidos ás rías. A vexetación é tamén parecida, con moitos eucaliptos que se plantaron recentemente. Algo que me preocupa tendo en conta a historia galega dos incendios forestais. Na parte noroeste, tamén ten pastos onde producen vacas leiteiras. En termos de tamaño, Ruanda é un chisco máis pequeno que Galicia, pero dende logo que non hai despoboación rural. En Washington o día a día é bastante monótono, ir á oficina e a almorzos de traballo.

-¿Atopa similitudes entre a estampa que ve en Ruanda e o pasado desta zona?

-Sen dúbida, lembro de que a miña avoa contaba que camiñaba dende As Somozas ata Ferrol para vender os produtos que ela facía. Ese escenario aínda se ve hoxe en día nas zonas rurais de Ruanda. A idea é axudar a que haxa transportes que poidan levar os produtos agrícolas ata os mercados sen que teñan que camiñar durante horas, facendo uso das novas estradas xa rematadas.

-Como experto en mobilidade, ¿que radiografía faría da situación da nosa comarca?

-A verdade é que na comarca temos un problema grave que é a falta de poboación crítica para que haxa un uso intensivo do transporte público. Creo que habería que ir a un sistema de buses pequenos baixo demanda -cunha app ou con número de teléfono- para poder ir buscar ás persoas que o necesitan. É necesario empregar as novas tecnoloxías para conseguir mellorar os servizos. Dende logo que ter buses baleiros ou case baleiros rodando, dando voltas pola cidade e o rural, sen que a xente coñeza os seus tempos, non serve. A xente quere chegar aos seus destinos canto antes, así que un sistema hibrido de autobuses e ridesharing (tipo uber), podería servir.

-É de Narón, estudou na Coruña. ¿Tiña que botar man do coche para case todo?

-Andaba en coche e na moto. Aínda que en traxectos curtos como ir ata o Concello ou ata a Gándara dende o Couto, si que camiñaba moitas veces. Eses traxectos de 15-20 minutos son perfectos para cambiar o coche polas pernas ou os pedais. Con todo, o sistema de transporte público é moi ríxido e por iso non atrae a moitas persoas. Só a aquelas que non teñen vehículo propio.

-As Somozas e As Pontes están no seu ADN. ¿Como ve eses municipios?

-As Somozas a verdade é que fixo un traballo incansábel en proporcionar traballo aos seus veciños. Pero sen servizos é moi complicado que a xente se instale aí. No caso de As Pontes pasa moito que os mozos van estudar fora e logo é moi complicado voltar. ¡Se o sofren Narón e Ferrol, que son máis grandes! Por iso hai que traballar en aumentar os servizos e a calidade de vida. A min encantaríame volver.