Carlos Bellas Lamas: «A mobilidade e o urbanismo deben ir xuntos e ser comarcais»

montse carneiro A CORUÑA / LA VOZ

AFRICA

CESAR QUIAN

Ocupado en proxectos en África, defende un pacto político polo transporte

04 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dúas veces Carlos Bellas (O Couto, Narón, 1987) fai unha pausa na conversa para remarcar o que di. A primeira vén a conto de como se move a poboación en España, maiormente nas cidades, saturadas de coches e faltas de sistemas alternativos: «Nas capitais que funcionan ben, como Vitoria (xa non imos a Holanda ou Dinamarca), todos os grupos municipais están de acordo co modelo de mobilidade. Pode cambiar o goberno, pero o carril bici queda. O transporte debe estar por riba da política. Non se pode facer campaña con iso». En Ruanda, un territorio montañoso pouco máis pequeno que Galicia onde habitan doce millóns de persoas, o primeiro país do mundo que prohibiu as bolsas de plástico e un dos máis limpos do planeta, a poboación ten dificultades para chegar á escola ou ao médico porque non ten estradas ou non son accesibles. E resalta Bellas: «Coa mesma capacidade ca nós, porque en África non son pobres porque sexan menos intelixentes, que ninguén pense que están así pola súa culpa. O que non teñen é coñecemento. Sufriron unha explotación sistemática e non tiveron acceso a el».

-Que fai en Ruanda?

-Estradas. A idea é que no 2027 o 80 % da poboación teña a menos de dous quilómetros unha estrada. O traballo no Banco Mundial permite coñecer a dimensión política, a técnica e tamén a social. Iso é unha marabilla. Estamos a implantar nas estradas sistemas de alerta e protección para mulleres vítimas de violencia machista. Os proxectos de transporte estanse a converter en vectores de desenvolvemento. Como enxeñeiro, iso é marabilloso. Ver a cara da xente que che vén dar as grazas por todo o que lles vai dar esa estrada... Non hai salario como ese.

-Así que, malia a austeridade e os rescates, as institucións invisten nas persoas. Vostede pasou pola Comisión Europea.

-Eu creo que si. A órbita europea son 500 millóns de persoas e xestionar iso é moito máis complexo que en Estados Unidos, por exemplo, onde a diferenza de renda entre o estado máis rico e o máis pobre é menor que entre Luxemburgo e Romanía. Conseguir que as áreas máis competitivas de Europa estean á par que Singapur ou California, e que as máis pobres medren o dobre que as ricas para converxer con elas é moi complicado.

-Como se resolve o problema do transporte urbano?

-Faltan moitas cousas. Na mobilidade sostible hai unha frase, Do the right mix [Fai a combinación axeitada], que axuda a entendelo: trátase de escoller o mellor medio para cada momento. Para ir buscar o pan, vai a pé ou na bici, non vaias no coche...

-Os planeamentos no din iso.

-Claro. Os planificadores deseñamos solucións e tratamos de convencer aos políticos para levalas adiante, pero o político traballa para catro anos, e o planificador, para unha xeración. Aquí os plans de urbanismo e de mobilidade son cousas diferentes, noutros países van xuntos. Aquí no planeamento tes que deixar unhas prazas mínimas de aparcamento e noutros países son prazas máximas. En Canary Wharf, en Londres, hai 2.500 prazas para 75.000 persoas que van traballar todos os días, e así desincentivas o vehículo privado. Aquí...

-É un problema de cooperación?

-A planificación supramunicipal é fundamental. O urbanismo, a mobilidade e a política de vivenda atenden á comarca. Se se decidise así, Novo Mesoiro non existiría, un barrio que non ten saída peonil. Urbanízase unha zona e garántense servizos básicos de auga, electricidade e saneamento, pero non de transporte público, que é un servizo máis. Pero hai moitas cousas. O feito de que o transporte urbano dependa dunha compañía que na Coruña pode circular e en Arteixo non, por exemplo. Ese marco regulatorio non axuda para nada. E a Xunta sábeo, pero poñer de acordo a tantos xogadores de tantas ideas políticas é moi difícil.

-Que facemos cos coches?

-Aparcamentos disuasorios e tarifas para aparcar máis caras en superficie que baixo terra, porque en superficie compiten cos usos para peóns. Pero claro, isto é a teoría, porque o alcalde que o faga vai perder as eleccións e a oposición vaino mallar. E xa estamos nas mesmas.