A acción política ten como punto de partida un pecado orixinal evidente: os recursos limitados ante necesidades ilimitadas. De aí que a política teña que ver coa capacidade de xerarquizar prioridades no marco do ben común, que non é tanto a satisfacción do maior número de necesidades para o maior número de xente canto a creación de condicións para que cadaquén poida vivir o mellor posible.
Semellante visión sitúanos na necesidade de procurar a mellora na utilización duns recursos escasos e unha mellor eficacia nos resultados. No fondo trátase de articular dous polos imprescindibles que, de xeito simbólico, podemos nomear como corazón e cabeza.
Sería vivir nunha realidade paralela facer unha política social sen corazón, sen empatía polas situacións de vulnerabilidade que nos atopamos. Porque dicir corazón é dicir comprensión, respecto, compaixón... E non pode existir boa política social se non se parte dese presuposto de poñerse no lugar do outro e facerse partícipe das súas dores.
Pero unha acción política que só se rexa polo corazón pode resultar ineficaz, cronificando a situación das vítimas e encamiñándonos cara a unha senda de insostibilidade confundindo o necesario gasto co espurio malgasto. De aí que precisemos dunha política social feita tamén con cabeza, boa xestión e tomando medidas que sexan equitativas e sostibles.
Non resulta doado artellar estes dous polos en cuestións de tanta urxencia como as que afectan a política social en Galicia. A crise que estamos vivindo pola situación dos menores non acompañados que abarrotan Canarias é unha destas cuestións que nos reclaman accións de Estado con corazón, pero tamén con cabeza.
A pesar das disputas ideolóxicas, o certo é que desde o Goberno da Xunta se amosou dispoñibilidade a acoller os inmigrantes que por diversas razóns chegan ao noso país. Amosouse porque Galicia é unha terra acolledora, máis cando falamos de menores deixados a unha intemperie vital de consecuencias imprevisibles. Por iso, o Goberno do Partido Popular púxose á disposición de colaborar ofrecendo os medios necesarios.
Pero hai que ser conscientes de que para solucionar unha problemática desta envergadura precisamos dunha política de Estado con sensatez e solidariedade. Porque non estamos ante un problema de Canarias, senón ante unha emerxencia nacional que debemos afrontar xuntos. Curiosamente, outras formacións, socias do Goberno español, néganse á acollida nas súas comunidades dando mostra dunha insultante insolidariedade.
Ademais, para afrontar un problema requírese veracidade na información, tanto polos recursos que o Goberno central debería facilitar como porque hai competencias que dependen das comunidades e que é preciso planificar para unha acollida axeitada ás necesidades dos migrantes, tal e como afirmou Fabiola García, conselleira de Política Social e Igualdade. Por iso é necesario que calquera reforma da lei de estranxeiría se faga con seriedade, situando a necesaria hospitalidade na dinámica dunha política estatal en diálogo, en consenso e con solidariedade entre comunidades.
Finalmente, a pesar da urxencia na atención aos inmigrantes, debemos poñer os medios para frear a inmigración irregular, que nada ten que ver con ser insolidario. Non facelo é unha forma de alimentar mafias e de situar as persoas que chegan nun limbo de consecuencias nefastas para o seu futuro. Precisamos fórmulas que permitan que as persoas que así o queiran poidan ter unhas condicións que lles permitan gozar dunha vida libre, tranquila e segura en todas as súas dimensións. Será entón cando poidamos camiñar cara a unha integración intercultural que poña as persoas no centro das preocupacións políticas. En definitiva, unha política migratoria feita con corazón e con cabeza.