Vicente Peña Saavedra: «Os emigrantes galegos xa tiñan claro que a educación é un investimento de futuro, iso que parece tan moderno e tan actual»
ACTUALIDAD
Profesor da USC xubilado, falará este venres no Barqueiro das escolas erixidas no municipio de Mañón polas sociedades de instrución
21 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Vicente Peña Saavedra (San Claudio-Ortigueira, 65 anos) xubilouse xusto antes da pandemia como profesor da Universidade de Santiago, e agora dedícase en exclusiva ao que leva facendo tres décadas, investigar o traballo dos emigrantes a prol da educación. Foi tamén o comisario de Luces de alén mar, «a exposición do Consello da Cultura Galega que leva máis anos itinerante». Hoxe (19.00 horas) falará das escolas dos emigrantes de Mañón, no centro sociocomunitario do Barqueiro, con entrada libre.
—Que supuxo a emigración para o ensino en Mañón?
—A renovación, un avance moi valioso. É un caso moi significativo, porque todas as parroquias, salvo Bares (pola situación xeográfica), teñen experiencias educativas nas que participan os emigrantes, precursoras en Ortegal, como a escola de Mogor, que arranca no 1765, grazas a un emigrante que marcha a México [...]. É un precedente moi importante, cando a escola entra en crise faise cargo o Estado e créase unha escola pública, por iso se fai en Mogor e non en Mañón. Será a semente para que despois xurdan as sociedades de instrución de carácter parroquial.
—Cales foron?
—A Unión Mañonesa, que nace con vocación comarcal, pero queda como sociedade parroquial, chega a ter cinco escolas. A primeira, nun local alugado no Campo da Feira, despois na Casanova, en Segade, en Freitido e o gran edificio que está rehabilitado (como albergue). Aínda que é un concello pequeno, ten iniciativas que perduran ao longo do tempo, produto do legado da propia emigración, que veu reforzar ese compromiso e ese sentimento identitario das parroquias, e axudar ao seu desenvolvemento. Tamén houbo escola nas Grañas do Sor e nas Ribeiras, promovidas por sociedades de instrución, no caso das Ribeiras con protagonismo de Federico Maciñeira, que os asesorou.
—Que papel tiveron as escolas?
—Abrir os camiños do mundo, poder emigrar, pero dunha maneira distinta, cunha formación e unhas expectativas de futuro moito mellores dos que emigraron como pioneiros. As escolas non puideron conter a emigración, non foi posible dar ese segundo paso ao que aspiraban personalidades como Leandro Pita ou Maciñeira, que serviran de espazos de formación para os futuros gandeiros e labradores, faltou esa dimensión técnica, porque os recursos eran limitados, a Guerra Civil truncou moitos proxectos e a Revolución cubana acabou con todo.
—Que temos que aprender deles?
—A idea clara que xa tiñan os emigrantes galegos naquel momento, que a educación é un investimento no futuro, iso que parece tan moderno e actual.