Feijoo destaca as axudas de ata 8.000 euros para os retornados que emprendan

La Voz

ACTUALIDAD

PACO RODRÍGUEZ

O presidente galego destaca que as achegas para o retorno empresarial son «cada vez máis demandadas» e impulsaron máis de 500 proxectos, cunha mobilización de ata 25 millóns de euros

04 nov 2021 . Actualizado a las 12:26 h.

Foi ante un grupo de participantes no programa Merlo, unha iniciativa autonómica coa colaboración da Fundación Ronsel que consiste en asesorar e titorizar as actividades dos galegos que volveron á súa terra, onde o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quixo destacar que as axudas ao retorno emprendedor favoreceron o impulso de máis de 500 proxectos e unha mobilización de 25 millóns de euros desde a súa posta en marcha. Unhas contías que oscilan entre os 5.000 e os 8.000 euros en función do proxecto e que «están servindo para apoiar» a retornados a Galicia dos cinco continentes e de 40 países. 

Segundo os datos que manexa a Secretaría Xeral de Emigración, unha parte das persoas que recorreron á Administración galega para asentarse está montando negocios de hostalaría e comercio, pero tamén hai proxectos relacionados coa industria 4.0, o naval, o sector textil, as telecomunicacións e os servizos. De feito, dous de cada cinco persoas que participaron nos programas da Xunta contaban cun máster universitario. 

Feijoo lembrou que o Goberno galego aprobou no 2018 a Estratexia Retorna, dotada con 280 millóns de euros e cunha batería de medio centenar de medidas, ademais de destinar nos últimos dous anos uns 10 millóns de euros a través de axudas ao autoemprego, de carácter social e de apoio pola pandemia ou en bolsas excelencia académica BEME, que beneficiaron xa a 700 retornados para cursar un máster nalgunha das tres universidades galegas.

Merlo, o programa para emprendedores galegos retornados

O programa de mentores Merlo, que desenvolve a Fundación Ronsel, axuda a orientar aos retornados no seu proxecto. Posto en marcha en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración, diríxese a emprendedores galegos retornados e con el se presta un servizo de acompañamento por medio dunha figura dun mentor que reforza as súas habilidades e fortalezas.

A Fundación Ronsel ten como obxectivo o desenvolvemento e fomento económico galego, e, en particular, a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial. Ten acreditada unha ampla experiencia no desenvolvemento de servizos de asesoramento para a orientación laboral e programas específicos dirixidos ás persoas migrantes, sendo un referente en Galicia no uso da ferramenta de mentoría e membro dende 2015 da Red de Youth Business Spain, coa que se desenvolve esta metodoloxía de promoción e apoio ao emprendemento dirixida ao autoemprego e a creación de emprego.