Este proyecto ha sido cofinanciado por

Carmen Vidal: «Agora as mulleres non emigran só para aforrar, é unha experiencia vital»

A investigadora comparou diferentes experiencias migratorias de mulleres de Soneira


Carballo / La Voz

Carmen Vidal Valiña (Baio, 1985) é doutora en Historia Contemporánea e profesora na Universidade Europea Miguel de Cervantes. Trala publicación do seu primeiro estudo, El mundo árabo-islámico como ellas nos lo contaron, centrado nas experiencias de xornalistas en Oriente Medio e o norte de África, este mesmo mes vén de lanzar o seu segundo traballo, no que aborda a emigración dende unha perspectiva feminina con testemuñas de oito mulleres da comarca de Soneira. Vive a medio camiño entre Galicia e Tánxer e é impulsora dunha escola on-line de feminismos alternativos denominada PeriFéricas.

-Mulleres e emigración vertebran o seu novo traballo.

-Ao falar da emigración fíxose case sempre dende a perspectiva do emigrante masculino, presentando á muller dende a óptica da muller, irmá ou filla; nunca como se puidesen ter un proxecto propio. A min interesábame saber como viviran elas esta experiencia e se fora distinta á dos homes.

-Percibiu diferenzas?

-Pois unha delas era o feito de escoller se os fillos quedaban en Galicia ou ían con elas, algo que as mulleres experimentaron de forma moito máis directa que os homes. Tamén moitas delas regresaban a Galicia porque tiñan aos pais enfermos e tiñan a responsabilidade de coidalos. A terceira, e quizais máis importante diferenza, foi o cambio nos roles de xénero: a moitas mulleres que marcharon durante o franquismo, o feito de chegar a Suíza, ter un traballo remunerado e contribuír á economía familiar deulles un maior poder de decisión dentro da propia parella.

-Compara dous fluxos migratorios: o dos anos 60 e 70 co xurdido trala crise económica do 2008. Diferéncianse moito?

-O perfil é distinto, pois no franquismo marchaban máis novas e sen estudos previos, mentres que neste século marchan algo máis maiores (arredor dos 23 ou 24 anos) e con algo de formación, ben sexa cun ciclo ou mesmo cunha carreira universitaria. Si que hai puntos en común, como que cando estas mulleres chegan ao país traballan en sectores tradicionalmente femininos, como os coidados ou a cociña... No caso das emigrantes do 2008 débese, sobre todo, a que non teñen un nivel de idioma que lles permita desenvolver outras tarefas. Habería que continuar investigando e ver se esas mozas, ao estar máis preparadas, puidesen desenvolver outros traballos cando dominasen mellor o idioma. A muller, agora, non aborda a emigración só para aforrar, senón como unha experiencia vital. Levan os fillos consigo e gozan do seu tempo de ocio.

-Como valora a situación actual, na que o movemento feminista conflúe co alzamento dunha ultradereita que ameaza certos dereitos xa garantidos?

-Estamos nun momento clave que pon de manifesto que non nos podemos relaxar, e que o discurso de que xa está todo conseguido para o feminismo non é certo. Co ascenso de partidos como VOX demóstrase que se nos poden arrebatar estes dereitos, ou verse reducidos. Hai que seguir loitando e saír á rúa, sobre todo este domingo: hai que votar.

-Como nace o seu interese polos estudos islámicos?

-Comecei a especializarme a través dun máster. Despois coñecín Marrocos e impactoume moito a filosofía que teñen alí, unha vida na que non lle dan tanta importancia ás cousas materiais nin son tan consumistas. Encaixa moito comigo, a verdade. Vivo entre Galicia e Tánxer, o que me permite ver o contraste entre as dúas realidades.

-Ademais da investigación, en que proxectos anda?

-Ao que dedico a maior parte do meu tempo é a PeriFéricas, un proxecto de formación sobre feminismos alternativos no que damos cursos en liña e que leva xa tres anos funcionando. Intentamos que os cursos sexan asequibles e son sempre impartidos por profesionais ou por activistas.

Presentación

19.00, na Coruña. Carmen presentará esta tarde, na libraría Berbiriana da Coruña, o seu novo traballo «Elas, as emigrantes». Estará acompañada pola doutora en Educación, Xénero e Igualdade Rebeca Raso, así como pola politóloga e activista María José Castelo.

Votación
0 votos
Comentarios

Carmen Vidal: «Agora as mulleres non emigran só para aforrar, é unha experiencia vital»