«Esta é unha contranovela da emigración»

«The making of» conta a historia dun mal home, nos malos tempos da segunda Guerra Mundial, na remota Patagonia. O autor presenta a súa última novela, esta tarde, en Vilagarcía


Xavier Alcalá presenta esta tarde en Vilagarcía The Making Of. O libro, no que se agochan dúas novelas parellas, parece ter conseguido sorprender aos lectores. «A xente reacciona con asombro, con abraio, pregúntase se as cousas puideron ser realmente así. Isto é unha contranovela da emigración, un relato que non era esperable».

-Nun momento no que tanto se fala da migración e dos migrantes, aparece no mercado vostede cunha novela que fala sobre a «cara B» da emigración galega...

-A cara dos cacos...

-En calquera caso, unha cara da que non se adoita falar.

-O estereotipo é o do galeguiño bo e traballadoriño, pero houbo de todo. A novela está baseada en feitos reais. Eu teño a documentación xudicial da historia dun tipo que aínda non saía dunha e xa se metía noutra. Era proxeneta, e fornecía de droga ás prostitutas. Ás finas dáballe morfina, e as non finas clorhidrato de yohimbina que se lle dá ás bestas para alzalas. O tipo tamén andivo metido nas frotas brancas, que eran as dos países non comprometidos na segunda Guerra Mundial, España e Portugal. Había moitos mariñeiros galegos (e de aí, de Arousa) e portugueses que transportaban o vital para os alemáns: homes que viñan á guerra e materiais estratéxicos. Estes galegos metéronse nesa mestura de relación entre prostitución, droga, pasaportes falsos para os alemáns...

-Realmente, resulta incrible que esta historia sexa real.

-Neste momento estou tocando os documentos xudiciais nos que se basea a historia. Como en todas as novelas cambiei nomes e circunstancias porque, inda por riba, o personaxe no que está baseada a historia é familia dunha persoa moi coñecida en Galicia. Porque tamén iso é certo. Na novela hai outra parte na que se conta como un par de amigos, un aquí e outro na Arxentina, van descubrindo unha historia, porque alguén lle pide que indague na vida do seu avó. E aí aparece a historia do caco, que é moi violenta, moi bruta e que vai facer que as mulleres botan a as mans a cabeza

-Esa outra historia, a dos amigos que investigan, ¿tamén está baseada en feitos reais?

-Totalmente. E ademais con nomes. Algúns cambieinos, como o de Fernando Amarelo de Castro, que foi quen, en Comodoro Rivadavia, nos dixo a min e a Cholo, que aparece na novela con nome e apelidos, que había que contar a «cara B» da emigración para que a «cara A» luza máis. Cando lle fun dicir que o ía meter como personaxe, resulta que morrera. Así que lle toquei un pouco o nome, fíxeno Servando Amarelle... O xogo artístico está aí, en darlle realidade a unha parte que foi vivida recentemente, e a outra que fomos descubrindo por poñernos a querer saber da vida dun home polo que nos preguntaron... E menuda historia. Case mellor tería sido non preguntar... A historia foi o suficientemente distorsionada para que non se saiba quen é a persoa real. Pero os crimes cometidos e os castigos recibidos están perfectamente documentados. E mostran unha realidade moi curiosa para nós, moi descoñecida.

-O lugar no que transcorre a acción é, tamén, un gran descoñecido.

-Totalmente. Comodoro Rivadavia é un lugar moi curioso, que está a dous mil quilómetros ao sur de Buenos Aires, e é un sitio importantísimo porque é a capital do petróleo arxentino. Por alí corrían moitos cartos, e a ese escenario chegou un tipo que se largara de Galicia porque lle debía cartos a un crego xogador. A historia está ambientada na segunda Guerra Mundial. Na novela aparece unha gran empresa petroleira alemá da que hoxe non se fala, Astra, que era un punto de apoio fundamental para o Reich en Arxentina. Hai fotos onde se ven os desfiles dos nazis en Comodoro Rivadavia organizados pola Astra. Hasta tiñan a un señor que se parecía moito a Hitler, e o vestían de Hitler e desfilaban diante del, levantándolle o brazo. Unha historia, tamén, totalmente de película.

Hoxe • 20 horas • Auditorio de Vilagarcía • Xavier Alcalá estará esta tarde no auditorio, acompañado polo xornalista Ciprián Rivas e pola concelleira Sonia Outón. A libraría Follas Novas terá un posto con exemplares.

Votación
0 votos
Comentarios

«Esta é unha contranovela da emigración»

Este proyecto ha sido cofinanciado por