Máis de 21.000 apelidos en Galicia teñen un único portador

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

ACTUALIDAD

CAPOTILLO

O 17 % das formas saíron do proceso de castelanización da antroponimia

16 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Poida que sexa estranxeiro. Ou que se trate dunha variante minoritaria dun apelido máis frecuente. Que haxa un posible erro tipográfico. Que sexa unha estandarización moderna. Ou que se trate de apelidos en perigo de extinción, como Láncara, Sanfíns, Miñor, Santradán, Lidor, Manselle ou Becerreá. Pero no país do millón de nomes, hai 21.100 formas que teñen un só portador. E outras, que teñen centos de miles. O apelido máis común en Galicia é Rodríguez. Esa forma lévana 237.000 persoas nun país no que existen ata 48.600 xeitos de apelidarse. Con todo, só 5.800 formas inclúen aproximadamente o 97 % da poboación.

Son apenas un feixe de datos dos que se poden extraer do volume Antroponimia e lexicografía, que vén de publicar o Consello da Cultura Galega. Unha monografía, que non un libro de actas, que parte do simposio que organizou o Instituto da Lingua Galega (ILG) no 2016. Editado pola investigadora Ana Isabel Boullón, o libro reúne diferentes contribucións sobre a elaboración de dicionarios antroponímicos -está a piques de saír o galego, que «non ten parangón» nin en rigor etimolóxico nin en documentación histórica-, tanto dende unha perspectiva románica como en distintos ámbitos xeográficos, pero tamén a conexión da antroponimia co léxico común e da problemática específica de Galicia, como problemas etimolóxicos ou de transmisión da dos apelidos.

A maioría dos apelidos actuais son galegos. O 50 % das variantes son xenuinamente galegas e eses apelidos lévaos algo máis do 40 % da poboación. Hai tamén unha alta porcentaxe de formas comúns, é dicir, que son iguais en galego que noutras linguas, como por exemplo o castelán. É o caso de apelidos como López ou Rodríguez. E alén destas están as formas híbridas -non son galegas nin castelás- e os apelidos galegos que foron castelanizados. Segundo salientou Boullón, da orde do 17 % dos apelidos casteláns que existen en Galicia non proveñen da emigración dende España, senón que saíron da peneira da castelanización pola que pasou a antroponimia.