Lingua, emigración e terra, as constantes do cinema galego

Montse García Iglesias
montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

ACTUALIDAD

Ledo coordina un libro colectivo sobre a historia do audiovisual

13 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

¿Hai sinais que poidan identificar o cinema galego como unha cinematografía propia? Ese foi o punto de partida do proxecto de I+D+i que levou a cabo o Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago no marco dun proxecto europeo. O resultado desas investigacións plásmase agora no libro Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega (Editorial Galaxia), que foi presentado onte na sala Numax en Compostela.

Nesa análise en busca de sinais distintivos a lingua xoga un papel determinante. «Demostramos coas diferentes investigación que non é unha barreira no momento actual», asegura a catedrática de Ciencias da Comunicación e coordinadora do libro, Margarita Ledo. A lingua, explica, apareceu como elemento distintivo do cinema no considerado como o primeiro filme nacional galego, Galicia (1936), de Carlos Velo. «Non ten son directo, pero todo o que aparece é en galego», destaca a coordinadora do traballo. A partir de aí, foron pescudando ata atopar as súas pegadas, con momentos chaves, como o ano 1951 co filme Peregrinaxe lírica aos lugares rosalianos; ou, posteriormente, en producións de grupos nos anos 70, no cinema militante e, xa despois, coas primeiras longametraxes comerciais, Sempre Xonxa, Continental e Urxa.

Elementos definitorios

E cando rastrexaban esta historia «descontinua» da cinematografía galega a través da lingua tamén buscaron outras constantes. «E aí aparecen a emigración e paisaxe, a terra», explica Margarita Ledo. Os outros dous elementos definitorios. Deste xeito, o libro articulase en torno a estes sinais de identidade con dous capítulos xenéricos. Trátase de traballos de oito investigadores: «O cine en Galiza, un relato descontinuo» (Xan Gómez); «Filmar a terra. A paisaxe como cuestión de clase» (M.ª Soliña Barreiro); «O amador no cinema militante» (Margarita Ledo); «Identidades buscadas e construídas: imaxes da emigración galega no cinema» (Fernando Redondo e Marta Pérez); «Un debate arredor da lingua» (Brais Romero); e «Cinema nacional-popular: de Fendetestas até A Esmorga», de José Luis Castro e Xosé Nogueira.

Marcas na paisaxe terá continuidade o próximo ano cunha nova publicación centrada no cinema galego contemporáneo.