O pianista estradense Javier Otero crea o concurso Galician Folk Songs

óscar manzano, o. p. A ESTRADA / LA VOZ

ACTUALIDAD

Otero interpretará en exclusiva as obras gañadoras do certame por un período de dous anos.
Otero interpretará en exclusiva as obras gañadoras do certame por un período de dous anos.

As obras gañadoras serán incluidas no segundo disco do músico

01 ago 2015 . Actualizado a las 20:35 h.

O pianista estradense Javier Otero anunciou onte a convocatoria do primeiro concurso de composición para piano Galician Folk Songs. Neste certame poden participar compositores de calquera idade e nacionalidade que presenten obras escritas para piano que teñan como temática o folclore galego, empregando melodías populares ?como o alalá, a muiñeira, a foliada ou a alborada? ou ben cancións tradicionais. As obras deberán ter unha duración de entre catro e seis minutos e todas elas deberán ser orixinais e inéditas.

Nesta primeira edición, o Galician Folk Songs está dotado economicamente con mil euros en premios, que se repartirán do seguinte xeito: un primeiro premio de cincocentos euros, un segundo de trescentos e un terceiro de douscentos. A maiores, estes recoñecementos inclúen a publicación das obras no caderno do evento, a interpretación das composicións por Javier Otero nunha xira de concertos e a súa inclusión na gravación do segundo disco do pianista estradense. Así mesmo, existe a posibilidade de declarar algún premio deserto ou de establecer mencións de honra ou premios compartidos.

Tal e como se remarca na convocatoria do certame, que se pode consultar na páxina web javieroteroneira.com, a súa finalidade é «estimular a creatividade dos novos compositores e enriquecer o patrimonio musical e folclórico galego» con obras inspiradas en melodías e cancións da terra. Otero sinala que a idea do concurso xurdiu trala gravación dun vídeo no que interpreta a Muiñeira de Pontesampaio, e comprobar que «en menos dun mes recibiu máis de 20.000 visitas entre as distintas plataformas de vídeos nas que o colgou».

Calquera persona, sen distinción de idade nin nacionalidade, pode participar nesta primeira convocatoria do certame, podendo presentar cantas obras se queiran, mais deberán estar escritas exclusivamente para piano, sen utilización de medios electroacústicos.

As partituras enviaranse en formato pdf ao enderezo galicianfolksongs2015@gmail.com antes do día 30 de outubro. Para valorar as obras presentadas, nomearase un xurado composto por alomenos tres persoas de recoñecido prestixio no mundo da música galega, que estará presidido por Otero. A súa decisión será comunicada publicamente o día 16 de novembro a través da páxina web do músico.

Durante os dous anos seguintes á publicación do caderno do certame, as obras gañadoras só poderán ser interpretadas por Otero, agás que se acade un acordo entre ambas partes.