Unha voz internacional para Galicia

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

ACTUALIDAD

A sección galega do PEN celebra esta semana os seus primeiros 25 anos

30 sep 2014 . Actualizado a las 09:28 h.

En 1989 aconteceron feitos decisivos que mudarían o escenario político mundial como o comezo da desintegración do bloque soviético. Tamén na literatura se produciron sucesos importantes, dende o edito islámico que condenaba a morte a Salman Rushdie á concesión do premio Nobel a Camilo José Cela. Nas letras galegas, ademais, fíxose realidade unha vella arela dos escritores que procuraban unha maior comunicación con outras linguas: a creación dunha sección propia do PEN Internacional.

Fundado en 1921, o PEN naceu para promover a literatura dende a defensa da liberdade de expresión. A medida que se creaban diversas seccións, en Galicia medraba o interese por contar cunha voz nese foro. O proxecto concretouse nunha reunión en Vigo en marzo de 1989 e confirmaríase no congreso que a organización celebrou ese ano na cidade de Maastricht. O actual presidente, Luís González Tosar -a quen precederon no cargo Alfredo Conde, Ursula Heinze e Carlos Casares-, lembra a transcendencia daquela data: «Remataba a guerra fría e o PEN tamén mudaba. Galicia entrou canda os países do antigo bloque soviético mais os africanos». Curiosamente, naquela altura aínda non existía un PEN español. Galicia, porén, representaba unha candidatura ideal, tanto pola súa tradición literaria, como pola súa relación coas culturas da Europa atlántica, Hispanoamérica e o mundo da lusofonía, unha posición comunicativa especialmente valiosa nun contexto internacional como o do PEN.

A seguir, 25 anos de «traballo ininterrompido», como o cualifica Tosar. A celebración de foros e encontros, no que destaca a organización do congreso de 1993 en Santiago, que contou coa participación de Rushdie; a visita de premios Nobel como Derek Walcott ou Wole Soyinka; premios como o Rosalía de Castro, en recoñecemento a autores de linguas ibéricas; ou publicacións como a colección poética Arte de trovar, son algúns dos sinais do labor do PEN neste tempo.

Da sección galega forman parte actualmente un cento de escritores, que, subliña Tosar, «supoñen unha fiel representación do que é a literatura galega, con clásicos como Ferrín, Luz Pozo ou Bernardino Graña, ata as xeracións máis novas». A consolidación do que foi aquel anceio felizmente conseguido en 1989 é, para Tosar, o logro máis importante deste período.

Para conmemoralo, a organización celebra unha bienal os vindeiros xoves e venres na Cidade da Cultura, cun recital poético-musical e mesas redondas sobre xornalismo, poesía ou novela. Nesa dimensión internacional, de culturas e de linguas, que caracteriza ao PEN, estarán tamén o arxentino Roberto Alifano (xoves, 19.30 horas) e a brasileira Nélida Piñon (venres, 19.30 horas), nova académica de honra.