Lugo tende a man a Arxentina con actividades culturais ata decembro

Laura López LUGO / LA VOZ

ACTUALIDAD

OSCAR CELA

Os museos lucenses acollerán obradoiros, exposicións, teatro e concursos

04 mar 2014 . Actualizado a las 14:23 h.

Lugo tende a man a Arxentina a través do proxecto Culturas en Diálogo. Museoloxía Social. Diálogo Intercultural: Lugo-Arxentina, que presentou onte o delegado de Cultura da Deputación Mario Outeiro. Ao longo deste ano, haberá obradoiros, exposicións, teatro e concursos nos museos da Rede provincial. Elixiron este país, explicou Outeiro, porque é un dos principais países de acollida de emigrantes galegos, e porque «gardou e propiciou a cultura galega durante o exilio».

Unha das actividades máis novidosas é a denominada Mulleres de Aquí e Dacolá. Trátase dunha convocatoria pública e aberta para buscar historias de mulleres galegas que foron a Arxentina e volveron ou quedaron, e de mulleres arxentinas que viñeron para Galicia, volvendo ou quedando. Con todos os relatos crearase un mapa a modo de ponte entre Lugo e Arxentina. Todo quedará tamén rexistrado nun documental feito por Xosé Reigosa e a Asociación Rioplatenses. Os interesados poden participar desde hoxe a través dos Museos, o Facebook e o blog de didáctica da Rede Museística Provincial.

Por outra banda, haberá unha convocatoria para centros escolares Mulleres a 2 Bandas, para realizar unha pequena banda deseñada. O prazo para participar remata o 6 de maio. Outro dos concursos, aberto a todo o mundo, chámase Patrimonios. A Muralla e o Tango. Trátase dun certame multidisciplinar co obxectivo de irmandar eses dous patrimonios declarados da Humanidade pola Unesco. Pódese participar desde mañá e ata o 31 de maio.

O teatro chegará este sábado ás 17.00 horas ao Museo Provincial da man Do Miolo & Cía, con Non son d?acó. Mentres que o día 27, en San Paio de Narla ás 17.30 terá lugar o obradoiro Mateadas, para aprender a preparar o mate e coñecer os ritos que acompañan a esta bebida.

En abril inaugúrase unha exposición fotográfica en San Paio de Narla e no Pazo de Tor, e haberá un obradoiro de iniciación ao baile no Museo Provincial. Ademais, en San Cibrao terán unha Mostra de Cine CopyLeft e curtametraxes de Tango. A mateada chegará ao Museo Provincial o 24 de abril. Haberaas todos os meses.

En maio haberá obradoiros para nenos, mozos e adultos, ademais da conferencia Borges arxentino, universal e amigo de Galicia, a cargo de Claudio Rodríguez Fer. Será o 21 ás 20.00 no Museo Provincial. En xullo súmanse os obradoiros de tango e o Encontro Internacional Tango Líber. Decembro remata cunha xornada de Museoloxía social.