«Podería falar de nubes», último libro do laxense
09 ene 2014 . Actualizado a las 11:23 h.Francisco Castiñeira Romar é un de tantos veciños da Costa da Morte que leva a emigración nas veas. Nacido en Delémont (Suíza), en 1977, é fillo de laxenses, criado na Coruña, residiu en Santiago e Oviedo, e dende hai uns sete anos vive e traballa en Ratisbona, na Baviera alemana. É técnico de laboratorio de formación, pero tamén escritor, oficio que mantén dende a distancia coa fidelidade ao galego, tanto publicando libros como mantendo un blog. O seu último traballo é Podería falar de nubes.
-¿Como describe este libro?
-É un relato circular sobre un home que está impedido no hospital, sen interese na vida de ninguén, que se vai deixando ir, ao que lle van ir pasando cousas que non esperaba. O eixo central vén dun traballo anterior, Inventario de nubes.
-Gústanlle as nubes e a chuvia. O seu blog chámase Chove en ningures. E un libro anterior, Seica chove.
-Si, pero non é deliberado, non hai unha continuidade. Pero a chuvia forma parte de nós, tanto en Galicia como onde vivo. As nubes teñen moito que ver. E eu, para estes relatos, aprendín moito sobre elas.
-¿Ten outros proxectos en marcha?
-Hai aí unha novela, e tamén unha historia novelada sobre a emigración, que tería moito que ver comigo e coas vivencias de meus pais. Pero de momento son só iso, proxectos.
-¿Non é moi complicado escribir, e sobre todo publicar en galego dende tan lonxe?
-Escribir non, é o mesmo onde esteas. É o que me gusta. Pero promocionar un libro en galego dende fóra si é difícil, aínda que só sexa por participar en actos públicos, en presentacións, ir a sitios, patear librarías... Eu vouno afrontando o mellor posible, penso que co último, que xa leva un ano no mercado, saíu ben. E co tema do galego, se cadra en castelán sería máis fácil, pero prefiro escribir así.
-¿O blog serve para manter a conexión cos lectores?
-Os blogs foron a menos, sobre todo nos últimos 5 ou 6 anos. Serviron para coñecer e tratar con xente estupenda, cada un tiña o seu, amosaba as súas cousas, compartías, pero agora todo vai máis polo eido das redes sociais. Non é tan bonito, pero é presente. Eu antes tiña aí máis relatos curtos, agora prefiro a novela. Aínda así, non me gustaría abandoalo, serve para falar con xente de Galicia, e con xente que xa non vai a Galicia e quere seguir en contacto. Tróuxome moi boas experiencias.
-Leva xa moito tempo en Ratisbona. Con carácter xeral, ¿que tal a experiencia?
-Pois así, en xeral, positivo. Tanto a miña compañeira, galega e que leva menos tempo, como eu, vemos máis oportunidades alí que aquí. Non se está mal. A adaptación non é doada, o idioma non é fácil, leva tempo aprendelo. E sobre todo, comunicar como ti queres facelo, leva tempo. Ás veces hai moita sensación de impotencia, que non te entendan. Eu só podo dicir cousas boas de como me acolleron, a xente de alí é moi boa, e tiven sorte co traballo.
-¿O idioma é clave para poder asentarse?
-Totalmente. Hai quen aínda cre que é chegar e aprendelo en tres meses. Non é así. Para vivir e traballar en Alemaña, o máis importante é coñecer a súa lingua. E é moi dura de aprender. Ser vas buscar traballo, iso é básico. Se existe algún tipo de racismo, é o lingüístico: se ven que non falas ben, non cho darán. Incluso nos máis baixos, nos que curiosamente é nos que máis falta fai dominalo. Hai moitos que chegan e logo se desenganan. O país ten moitas oportunidades, pero o idioma é clave.
-¿Coñece casos de xente que chega e está en situacións moi difíciles, por non atopar nada?
-Seino sobre todo polos medios de comunicación. En Ratisbona hai poucos galegos e poucos españois. Temos o centro galego de Núremberg, pero está a un centro de quilómetros. Eu vivo rodeado de alemáns, é que tampouco hai estranxeiros doutros países. Nas grandes cidades, por exemplo Berlín, si que supoño que se producen eses casos máis rechamantes.