A Xunta destaca a aportación das comunidades galegas no exterior na internacionalización da economía e na proxección de galicia

Canal Voz

ACTUALIDAD

O conselleiro de Presidencia e o secretario xeral de Emigración mantiveron un encontro cos presidentes de comunidades e entidades galegas de Bos Aires

14 mar 2012 . Actualizado a las 13:38 h.

Rueda anima aos centros galegos a reforzar a cooperación e a colaboración para xerar sinerxías e ofrecer unha mellor atención aos galegos da diáspora.

A Xunta renova a súa colaboración con tres entidades galegas na capital arxentina para a prestación de asistencia socio- sanitaria aos galegos emigrados.

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, destacou hoxe o importante papel que poden xogar as comunidades galegas e os axentes económicos da galeguidade, especialmente as asociacións de empresarios galegos no exterior, no fortalecemento e desenvolvemento de accións que consoliden a internacionalización da economía galega e a proxección económica de Galicia no exterior.

Así o destacou o titular de Presidencia galego no transcurso dunha cea que mantivo cos principais presidentes de comunidades e entidades galegas en Bos Aires, na que tamén estivo o secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, e o delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro: e onde avanzou que a Xunta vai impulsar e apoiar esas actuacións das comunidades galegas a prol de consolidar a imaxe e a economía galega no exterior.

Na cea, na que se abordou a elaboración da nova Lei de Galeguidade, estiveron representantes de preto de 50 comunidades e entidades galegas da capital arxentina entre as que se atopaban a Asociación Casa de Galicia; Centro Gallego de Buenos Aires-Mutualidad- Cultura- Acción social; Hogar Gallego para Ancianos ou a Asociación Civil Centro Gallego de Jubilados y Pensionados de la república Argentina; entre outras.

Ante os representantes da colectividade galega no exterior, o conselleiro fixo especial fincapé na necesidade de impulsar e reforzar a colaboración e cooperación entre os múltiples centros e asociacións, para xerar sinerxías e ofrecer un mellor servizo aos milleiros de galegos que se atopan no exterior.

Rueda eloxiou a labor destas comunidades galegas no exterior e, ademais da xa citada labor de proxección económica, destacou a súa aportación como axentes da promoción cultural de Galicia, como difusores das posibilidades turísticas da Comunidade Autónoma e como activos axentes no impulso de accións de carácter económico- empresarial.

Sinatura de convenios

Precisamente, antes de participar na cea cos representantes das comunidades galegas en Bos Aires, o conselleiro e o secretario xeral visitaron a delegación da Xunta na capital arxentina, onde asinaron tres convenios de colaboración en materia socio- asistencial co Hogar Gallego para Ancianos de Bos Aires, co Centro Gallego de Mar del Plata e co Centro Galicia de Bos Aires.

O Centro Galicia de Bos Aires é o máximo promotor da actividade social, cultural e deportiva dos galegos da capital arxentina. É un exemplo de suma de esforzos e integración, xa que xurdiu da suma de varios centros galegos xa existentes.

O Centro Gallego de Mar del Plata é o último centro de día creado pola colectividade galega en Arxentina e traballa día a día para cubrir as carencias afectivas, ocupacionais e sociais que teñen os galegos máis maiores. Finalmente, o Hogar Gallego para Ancianos leva xa preto de 70 anos de actividade, sendo unha referencia como entidade socioasistencial dentro da colectividade galega residente en Bos Aires.

Actividade da delegación

Rueda e Camba tamén aproveitaron para saudar aos traballadores da delegación da Xunta en Bos Aires, aos que felicitaron pola magnífica labor que levan a cabo cada día, comezando polo delegado.

É de salientar que Bos Aires é a terceira cidade en número de galegos e na delegación da Xunta tan só o ano pasado aumentáronse as xestións un 28 por cento respecto ao ano anterior, con máis de 3.000 expedientes tramitados e 7.500 consultas relacionadas con axudas económicas, solicitude de tarxetas sanitarias ou campamentos e campos de traballo, entre outros asuntos.