Presidente del centro español Santiago Apóstol del Principado.
27 dic 2011 . Actualizado a las 10:46 h.O Principado de Liechtenstein está no corazón de Europa, pola beira do río Rin, entre os montes austríacos e suízos (moi preto de Zúrich). É un lugar pequeno e fermoso, de postal, nevado estes días (e moitos máis). Dun tamaño un pouco inferior a Carballo ou Vimianzo, con 36.000 habitantes, e un equipo de fútbol ao que sempre lle toca perder contra España no que xoga un chaval con raíces de Dumbría.
Liechtenstein é ademais unha pequena parroquia da Costa da Morte, un descoñecido reduto europeo da emigración galega. Dos 336 españois que residen alí (sobre todo entre Vaduz, a capital, e Schaan), máis do 90 % son galegos. E a inmensa maioría, procedentes da Costa da Morte e os concellos dos seu entorno. Manuel Figueroa, de Ozón-Muxía, con casa en Cee, preside o Centro Español Santiago Apóstol dende 1999, vinte anos despois da creación.
-¿Que opina diso que din de Liechtenstein, que é un paraíso fiscal?
-Non lle sei, eu desas cousas non entendo nada. O que si sei é que Liechtenstein é un paraíso, así, sen máis. Iso si o podo dicir. É un lugar no que se vive ben, que ten impostos baixos, moi tranquilo, onde non hai barullo, no que abonda a tranquilidade e a orde, con xente seria e se cadra algo fría, igual ca o tempo. Eu non podo dicir outra cousa que aquí estase moi ben. Pero non é Eldorado que algúns vendían. Non hai tanto ouro como se dicía hai tempo. E xa levo moitos anos: 32 o vindeiro 2 de febreiro.
-Nos primeiros anos, non sería moi doado poñer este remite nas cartas...
-Lembro que daquela, naqueles primeiros anos, pensaba que, para ser un sitio tan pequeno, tiña moitas letras e a maioría consoantes. E aprendemos todos copiándoas pouco a pouco, uns dos outros.
-¿Chegoulles a crise?
-Algo nótase. Si que se ve algo de paro, pero moi pouco. Anda polo 2,5 %. Aos galegos creo que non nos afecta.
-¿Pásalles como en Suíza, onde os galegos teñen moi boa fama?
-Si, é así. Representamos só o 1 % da poboación do Principado, pero somos coñecidos e temos fama de traballadores e obedientes. Sempre foi así. Cando eu cheguei xa estaban miña irmá e meu cuñado. Entón seríamos uns 800 ou 900. Cos anos, fomos a menos.
-¿E non hai relevo?
-Non, marcha de volta moita xente que xa anda cerca dos 60 anos, as pensións son boas. Hai xente nova que quere vir, pero isto xa non é coma antes. Moitos non se acoplan. As dificultades son maiores, piden o idioma alemán. Eu recibo ás veces chamadas de xente que pregunta qué pode facer para vir, pero xa lles explico o que hai, que non é nada doado. Mantémonos os que estamos, aínda que si hai algúns postos, máis na construción que nas fábricas. Eu sempre estiven nelas, nunha de enlatado.
-¿E hai algún que marcha para aí a buscar a vida sen nada organizado? En Suíza pasa.
-O feito de que chamen e pregunten se hai choio xa é de por si unha novidade. Antes non pasaba, iso dá idea do mal que están as cousas. E, si, aparece de vez en cando algún algo desbandado, que pasa un mes mirando, pero non se adapta ou non atopa. Os empresarios xa non esperan agora pola man de obra coma antes.
-¿Mantéñense os vínculos con Galicia?
-Si, eses non se perden nunca. Coas xuntanzas no centro, as festas, as viaxes que fan regularmente tres taxistas de Muxía, que veñen moito con paquetes dos familiares. Fan unhas rutas de 2.000 quilómetros que eu tantas veces teño percorrido.
-¿Teñen algún tipo de relación co príncipe, por certo?
-Só o acto de recepción que fai o día de Ano Novo, ou as felicitacións que manda.