Na defensa das linguas minorizadas dende o mítico barrio porteño de San Telmo

David R. Seoane

ACTUALIDAD

A lingua galega é unha das mais de 6.700 que se falan no mundo.

24 ago 2011 . Actualizado a las 12:19 h.

A lingua galega é unha das mais de 6.700 que se falan no mundo enteiro e coma a inmensa maioría delas é unha lingua minorizada xa que convive na súa mesma área de influencia cunha lingua dominante, o castelán. Situación que, a pesares do seu rango de cooficialidade, moitas veces fai que se vexa desplazada aos marxes ou sexa acalada polos discursos sociais hexemónicos. Nun contexto semellante ao do galego están tamén en España o vasco ou o catalán así coma milleiros de outras linguas mais distantes espalladas polos cinco continentes coma o hebreo, o guaraní, o gaélico ou o indio.

Trátase dunha problemática que coñece moi ben o Insituto de Lingua e Investigación da fundación arxentina Xeito Novo que está a organizar en Bos Aires para a vindeira fin de semana, venres 26 e sábado 27 de agosto, o IV Congreso de Linguas Minorizadas. O encontró terá lugar na nova sede do CCEBA (Centro Cultural de España en Buenos Aires) situada no emblemático barrio porteño de San Telmo. Alí durante dous días, sempre a partires das 15.00 horas, daranse cita numerosos estudosos e lingüístas que achegaran os seus coñecementos para presenta-la analise dalgunhas das políticas lingüísticas implementadas en territorios cunha realidade bilingüe ou de diglosia. O galego será un dos principais casos levados a estudo.

Deste xeito participarán no distintos paneis do congreso os seguintes expositores en representación das suas respectivas institucións: Sabrina Otegui (Euskaltzaleak Asociación Escuela de Lengua Vasca de Buenos Aires), Thiago Mori (Equip de Coordinació dels Cursos de Català), Graciana Vázquez Villanueva (Cátedra Libre de Estudios Gallegos "Alfonso Castelao" - Universidad de Buenos Aires), Lucía Doval Iglesias e Iria Pérez Mariño (Instituto da Lingua Galega - Universidade de Santiago de Compostela), Anik NANDI (Instituto da Lingua Galega, Departamento de Filología Gallega - Universidad de Santiago de Compostela. Becario de MAEC-AECID, España), Guilermo Santana MacKinlay (Profesor Lengua y Cultura Gaélica del Coro Ceòlraidh), Fernando Killian (Fahy Club-Asociación Irlandesa del Conurbano Sur), Perla Sneh (Directora Especialización Judaica Maestría en Diversidad Cultural- UNTREF), Gisella Cassara, Mónica Descalzo, Julia Gago, Miriam Tasat e Cecilia Urrere (CIDAC-FFyL UBA. Equipo de Investigación Trabajo Infantil e Inmigración).

Todos eles desenrolarán as suas presentacións ao carón de distintos eixos de discusión que terán coma obxetivo primordial promové-la visualización do problema da minorización das linguas e dos seus falantes e reflexionar sobre as estratexias de promoción da diversidade cultural que atesoura o patrimonio lingüístico en risco. «En España tenemos una gran diversidad lingüística que debemos preservar porque forma parte de nuestro acervo cultural y es una seña fundamental de la identidad multicultural y plurilingüe de nuestro país», explicou Ricardo Ramón Jarne, director do CCEBA. «Nosotros como representantes en Argentina de la cultura española debemos apoyar y fomentar iniciativas como ésta, tan importantes para la preservación y la puesta en valor de nuestro patrimonio intangible», engadiu o xestor cultural, de orixe aragonesa.

A Fundación Xeito Novo, que naceu no ano 1984 coa necesidade de cumplir coa inquedanza de traballar pola cultura galega dende a ollada dos descendentes dos outrora emigrantes, conta co apoio na celebración deste encontro da Dirección Xeral da Cidadanía Española no Exterior, o Instituto de Lingüística da Universidade de Bos Aires e os Ministerios de Traballo e Inmigración e de Cultura da Nación arxentina.

A intención desta entidade da colectividade na diáspora é tamén darlle un protagonismo destacado ao galego no eido da loita polos dereitos lingüísticos e a difusión dunha saída que manteña os seus alicerces ben firmes e soterrados na defensa da diversidade e da non imposición.

O barrio de San Telmo, estrondoso rebulir de emigrantes na alborada do século XX, será pois neste 2011 unha vez mais porto de chegada e acollida para as linguas minorizadas e para os seus falantes. O folk galego do grupo Herbadaboa e as voces do coro gaélico Ceolraidh pecharán un congreso ao que todo o mundo está convidado. A entrada será de balde.