A canguesa Vanesa Sotelo recibe no Centro Galego de Barcelona o XIII Premio Josep Robrenyo

Redacción dixital

ACTUALIDAD

A dramaturga e actriz galega logra este galardón de experimentación teatral pola súa obra «Memoria do incendio».

29 dic 2010 . Actualizado a las 23:44 h.

A dramaturga e actriz Vanesa Sotelo (Cangas, 1981) recibiu o XIII Premio de Teatro Josep Robrenyo, que outorga a Associació d'Investigació i Experimentació Teatral (AIET), nun acto celebrado no Centro Galego de Barcelona. A presidenta desta entidade, Gloria Montero, fixo entrega á xove directora e dramaturga do premio, valorado en 3.000 euros.

No acto, participaron tamén Francesc Foguet, presidente do xurado e investigador teatral e Anxo Baranga, director do grupo de teatro Furafollas, do Centro Galego da cidade condal. Foi esta agrupación a que realizou o pasado día 21 de decembro -xornada de entrega do premio- unha lectura dramatizada da obra Memoria do incendio, coa que Vanesa Sotelo concurriu ao certame e que, finalmente, foi a gañadora tras ser elixida entre 47 obras procedentes do resto de España e escritas nas diferentes linguas. Memoria do incendio foi a única presentada en galego.

Vanesa Sotelo apuntou que a obra presenta «un estado de opresión e de denuncia» a través de diversos personaxes que aparecen nunha sala de autopsias en desxeo. Explicou tamén que a peza teatral naceu nunha viaxe a Praga e que aparece «sempre cosida pola idea do lume».

Gloria Montero lembrou no acto cómo hai dous anos outro libro escrito en galego por Marcos Abalde, Canibalismo, tamén se fixo co galardón.