Montilla despídese dos galegos de Cataluña

Redacción dixital

ACTUALIDAD

O líder do PSC recibiu a insignia de ouro da Federación Galega de Cataluña (Fegalcat) despois das asperezas xurdidas durante a súa lexislatura.

17 dic 2010 . Actualizado a las 11:07 h.

Esquecendo as diferencias xurdidas nos últimos anos, o colectivo galego de Cataluña tivo como invitado especial dun xantar informal celebrado onte en Barcelona o aínda presidente da Generalitat, José Montilla. O líder do PSC recibiu o mellor recoñecemento que outorga a Federación Galega de cataluña.

O presidente do Centro Galego de Barcelona, Xosé Méndez, ademais de entregarlle a Montilla a insignia de ouro da entidade tamén aproveitou o xantar para darlle unha carta na que se pide o apoio institucional para recuperar e rehabilitar a figura histórica de Eugenio R. Serrano de Casanova, o galego que organizou a Exposición Universal de Barcelona de 1988- así coma un espazo público co seu nome.

O presidente da Generalitat falou de Galicia coma un país ao que lle ten moito afecto e admiración, e tivo eloxios para Cataluña coma país de acollida e crisol de culturas, e coma un lugar onde se pode ser catalán e á vez fiel ás propias orixes.

No xantar ademais participaron outros representantes políticos como Antonio Rísquez, alcalde de la Llagosta, Josep Maria Sala, Secretario de Formació i Ciutadania do PSC, e Ferrán Bello Hernaiz, ex director do Centre de Promoció de la Cultura Popular i Tradicional Catalana e fundador de Col·lectiu Crisol do PSC.