«A TVG que vemos aquí móstranos unha galicia case de fantasía»

ACTUALIDAD

Hstoriador xefe de investigación do museo da emigración galega na Argentina

01 feb 2010 . Actualizado a las 13:13 h.

«Sempre digo que o mellor galego é o que emigrou. Para emigrar hai que ter un aplomo e unha vontade de saír adiante enormes, e rabuñes onde rabuñes, na Arxentina sempre aparece un galego por todo o tecido social. Esa xente foi a que edificou este país», afirma o historiador Ruy Farías (Centro Galego de Bos Aires, 1972). Fillo dunha emigrante de Compostela, é o responsable da área de Investigación do Museo da Emigración Galega na Arxentina e na primavera presentará en Santiago a súa tese de doutoramento sobre a emigración galega no sur do Gran Bos Aires.

-Investigou sobre o comunidade galega en Avellaneda e Lanús, que foi a máis castigada no 2001. ¿En que situación está agora?

-Habería que facer un estudo máis aló do anecdótico, pero temos a sensación de que, con axudas e todo, seguen máis ou menos igual. Avellaneda é o centro neurálxico da industria do país e alí os galegos non se ocuparon no sector terciario, como no resto de Bos Aires, senón no secundario. Coa desindustrialización dos anos setenta e as voltas e reviravoltas que deu a sociedade arxentina, as expectativas desta xente, campesiños ou mariñeiros que tiveran unha mobilidade social ascendente, quedaron pulverizadas, e moitos deles, sen aforros, na miseria absoluta.

-¿Non se recuperaron?

-O país foi saíndo da crise, pero non estamos para tirar foguetes. As crises aquí son profundas, o país vaise degradando e hai fame, aínda que é difícil que o digan.

-A vergoña do galego...

-Si, como dicía Borges, a xente que emigra imponse fatalmente a necesidade de mellorar. ¿Como explicar aos que quedaron que 40 anos despois estás peor que cando marchaches? Eu entendo que dalgún xeito teñen que negar o evidente. A realidade da emigración é inabarcable, e para o historiador é moi complicado. Hai xente que no censo consta como obreiro industrial e logo sabes que andou de cartonero nunha época, pero iso non figura nas fontes escritas coas que traballamos. E logo a memoria non é unha reserva onde un pode sacar información inocua e non moldeada pola experiencia. Eu levo cinco anos investigando e a porción de realidade que podo amosar é pobrísima.

-¿Como é a relación con Galicia?

-A maioría está satisfeita de emigrar. Unha muller de Fisterra á que lle asasinaron a un fillo dicíame que así e todo este país lle dera a oportunidade de ser persoa, de ir á escola, ter un traballo remunerado, e non ter que arriscar a vida no mar. Para moitos a decepción chega co contacto coa Galicia de hoxe, a que lle contan os parentes ou ven pola TVG, ás veces ficticia, unha Galicia na que sempre hai sol, onde a xente vive fabulosamente, con boas pensións, tocando a gaita e indo de cuchipandas. Eles quedaron coa imaxe de Galicia como unha foto fixa dun século atrás. Di Anxo Lugilde que Bos Aires é un laboratorio antropolóxico galego fabuloso, e é certo. Hai cousas que aquí quedaron esclerotizadas e en Galicia xa non se ven.

-Entre 1857 e 1960 chegaron a Arxentina 1,1 millóns de galegos, Bos Aires foi a primeira cidade galega, ¿qué pegada deixaron?

-En Avellaneda, na última vaga migratoria, entre 1946 e 1960, o 73% da poboación española era galega. E o tecido social preexistente, moi cativo: en 1895 había 18.000 persoas; en 1914, 144.000, e nos anos sesenta, 700.000. Esa enxurrada de xente fíxose notar moitísimo. A presenza dos galegos no imaxinario colectivo é enorme. En Avellaneda o xentilicio galego non se confunde co español. Hai un club de fútbol, o Atlético Independiente, que todo o mundo coñece como o club dos galegos, porque a parte dos xogadores, na súa mellor época estivo dirixido por galegos. E agora cando perde a xente di: «Basta, que vuelvan los gallegos».

-Rachando estereotipos...

-Claro, ao pouco de morrer Alfonsín, Jorge Halperín falaba del como o «gallego peleador». De Alfonsín, que fora tan denostado. E é que, conforme as cousas empezaron ir mal, coa crise no país moita xente mirou para atrás a ver qué pasara, e viron que se esgotara aquela xeración de emigrantes, nomeadamente galegos, que levantaran o país, aforradores, honestos, traballadores, leais... O trazo negativo do estereotipo tamén se foi desfigurando.

-A nómina de galegos ilustres na historia de Arxentina non é pequena.

-Non, e adoitamos esquecer aos intelectuais, a Cao Luaces, aos directores de Caras y Caretas, aos dous premios Nobel, aos tres presidentes, aos galegos desaparecidos na ditadura militar, ao mariñeiro de Fisterra que morreu na guerra das Malvinas, a Antonio Santamarina... Como di Núñez Seixas, entre os galegos tamén hai clases.

-¿Que papel ocupan hoxe as asociacións galegas?

-Entre 1904 e 1936 había máis de 400 sociedades galegas en Bos Aires: mutualistas, de axuda á repatriación, para a creación de escolas ou estradas en Galicia, pola redención foral... Alí recreaban a sociedade de partida e enfrontaban xuntos o choque ao tempo que se integraban plenamente na Arxentina. Hoxe eu traballo no museo e estou obsesionado por crear un arquivo oral e dixitalizar toda a información desde 1910 para non perdela para sempre. Pero se tivese que elixir catro institucións que perdurasen serían o Centro Galego, pola sanidade; o Centro Galicia, polo lecer; a Federación de Asociacións Galegas, porque é a memoria, galeguista, democrática, e o Colexio Santiago Apóstol, un centro de excelencia onde se dá educación galega a 500 rapaces, moitos deles sen pinga de sangue galego, e de onde pode saír o fío condutor coa historia, o futuro lobby galego en Bos Aires. Non é unha quimera.