O esforzo dos ourensáns en Venezuela

Antonio R.-Miranda FIRMA INVITADA

VENEZUELA

Artículo del secretario xeral de Emigración

24 ene 2017 . Actualizado a las 10:40 h.

Hoxe residen en Venezuela máis de 46.000 galegos, dos que a terceira parte serían ourensáns. Detrás do frío dato agóchase cadansúa historia de superación e de esforzo, perfís biográficos que atopamos -tamén con destacada presenza ourensá- noutros países de América e Centroeuropa. Cada unha desas historias merece ser contada, cada unha delas. Pero hoxe cómpreme gabar e aplaudir o esforzo que seguen a realizar os galegos do exterior para que os nosos paisanos teñan a mellor vida posible cando veñen mal dadas. E en Venezuela, ultimamente, están a vir moi mal dadas.

O labor solidario de asistencia social das comunidades galegas do exterior é motivo de orgullo para calquera galego de ben. As e os galegos temos demostrado neste campo un nivel de posta en común que xa quixeran para si os países máis avanzados do mundo. Digámolo ben alto e sen complexos, sen matices: o pobo galego é exemplo de solidariedade. Teno demostrado arreo, e segue a demostralo decote.

Sen desmerecer o traballo que se fai noutros países, o que realiza a Hermandad Gallega en Caracas e en Valencia, os centros galegos de Maracaibo e Puerto la Cruz, entidades como a Fundación España Salud, Fundaourense e outras, resulta fundamental para os milleiros de familias con orixe galega que viven alí, e que están a vivir situacións moi difíciles no cotián. Ás veces, conseguir bens tan simples como un litro de leite ou un modesto quilo de fariña -xa non falo de medicamentos- pode ser un pesadelo de varias xornadas. Iso, por non profundar no aumento da delincuencia, que ten convertido a Caracas na cidade máis perigosa do mundo, segundo criterio da ONU.

Quero valorar e agradecer o esforzo e paixón, a forza que tódolos días amosan os socios, traballadores e colaboradores das entidades galegas en Venezuela. Quero render nova e merecida homenaxe aos galegos no estranxeiro, por todo o que fixeron e fan polo ben común. E quero realizar un novo chamamento á solidariedade dos que, por fortuna, non necesitamos peregrinar varios días para podermos mercar leite, parafusos, papel, aspirinas. Sociedade e Administración galegas temos que estar nestes intres cos galegos en Venezuela, e tamén con aqueles que retornan e seguen sufrindo aquí as dificultades daquel país.

As e os galegos do exterior foron vitais no desenvolvemento da Galicia que hoxe disfrutamos: primeiras escolas rurais, innovacións industriais, remesas de cartos nos anos máis duros en España, e estoutra variante da galeguidade máis fermosa e actual: persoas e institucións que nos axudan a velar polos mínimos vitais para os maiores en países con escasa cobertura social, ou para a poboación xeral en casos, como o de Venezuela, de profunda crise.

Pasa o tempo, pasan os gobernos, pasan as persoas, pero os motivos para sentírmonos orgullosos da galeguidade universal permanecen.