Carlos Fernández Bollo, organista mugardés que vive e toca nos Países Baixos: «O órgano da concatedral de San Xiao é dunha gran relevancia, pero necesita unha posta a punto»

Ramón Loureiro Calvo
rAMÓN loureiro FERROL / LA VOZ

EUROPA

Ramón Loureiro

Afirma que «Holanda leva séculos impulsando e apoiando o labor dos organistas»

08 nov 2023 . Actualizado a las 12:38 h.

Carlos Fernández Bollo (Mugardos, 23 anos) marchou a Holanda para estudar piano e órgano, e finalmente quedou alí. Na actualidade vive en Groninga, unha cidade que, como el mesmo sinala, «aínda hoxe é o lugar do mundo que posúe unha maior concentración de órganos históricos; e iso —subliña—, a pesar de todos os que destruíron os nazis durante a Segunda Guerra Mundial». A devoción da cultura holandesa polo labor dos organistas permitiulle abrirse paso como concertista nese país, no que toca a miúdo grandes órganos do século XVII, entre eles algún dos que construíu Arp Schnitger. Lamenta que a longa e rica tradición que vincula a Galicia coa música de órgano se fose esvaecendo desde o século XIX ata os nosos días. «O patrimonio cultural de Galicia —di Carlos— non pode prescindir da musica de órgano, porque iso sería renunciar a unha parte fundamental da nosa memoria». O día 14 dará un concerto na catedral de Mondoñedo.

—De onde vén a súa paixón pola música de órgano?

—É unha paixón que naceu en Mugardos, sendo eu neno. Fascinábame sentir tocar os organistas na igrexa da nosa parroquia, a de San Xulián. Unha parroquia, e quero lembralo con inmensa gratitude, que sempre me axudou moito na miña carreira musical, abríndome o camiño para que hoxe sexa organista.

—Pensa quedar definitivamente en Holanda?

—Non o sei. Nestes momentos non me atrevería a dar unha resposta a unha pregunta como esa. O único que podo dicir é que, de momento, vou seguir alí. É un país que ten un gran aprezo pola música e no que o labor dos organistas é obxecto dunha alta consideración. E ademais dase a circunstancia de que alí os intérpretes doutros países somos moi ben recibidos. Para un organista, Holanda é, a día de hoxe, e desde unha perspectiva artística e profesional, o mellor país.

—Onde nace a paixón dos holandeses pola música de órgano?

—É algo que xa vén con moita forza do século XVII, e particularmente do labor que fixeron as igrexas reformadas. Ten moito que ver co canto litúrxico, naturalmente. Holanda leva séculos impulsando a apoiando o labor dos organistas, e iso nótase en todos os aspectos. A música ten un lugar moi importante na súa historia. Hai moi poucos lugares de Europa nos que suceda algo parecido, polo menos coa mesma intensidade.

—Galicia posúe órganos magníficos. Cal é o seu estado de conservación?

—Galicia conserva, efectivamente, órganos extraordinarios, pero gustaríame sinalar unha vez máis, que moitos dos grandes órganos galegos se perderon para sempre. E que moitos dos que aínda existen están en moi mal estado. Hai algúns marabillosos que están nun estado excelente, como os de Xunqueira de Ambía, San Paio de Antealtares e a colexiata de Iria Flavia, por citar algúns exemplos, pero por desgraza ata nas catedrais hai órganos que non sempre están tan ben conservados como merecen.

—Cal é o caso da concatedral ferrolá de San Xiao?

—O órgano da concatedral é dunha gran relevancia, pero precisa unha intervención importante, unha posta a punto. E sería fundamental poder acometela canto antes. Por certo: San Xiao, como edificio, ofrece unhas posibilidades extraordinarias para este tipo de música.

—Din que non hai dous órganos que soen igual...

—E así é. Os órganos son algo moi especial, que non se parece a nada. E quen os toca sabe moi ben que ningún é igual que outro. A música, neles, sempre é algo único e irrepetible.