Publicidad
Publicidad

As virtuosas mans que acariñan o cravo

Fillo da gran familia de Suevia, trata de abrirse camiño no eido da música antiga desde A Haia

Ribeira / la voz, 07 de enero de 2018. Actualizado a las 05:00 h. 0

0
0
0
0

O piano é un instrumento de sobra coñecido, que entrou a formar parte do panorama musical alá polo 1700, da man de Bartolomeo Cristofori. Entre os seus antecesores directos atópase o cravo, unha peza cunha historia centenaria, cuxas orixes se sitúan na Idade Media tardía. Aínda que non é doado atopar profesionais especializados no manexo deste importante elemento da música antiga, Barbanza conta cun cravista. Chámase Eliot Xaquín Dios e é natural de Queiruga (Porto do Son), aínda que desde hai uns meses reside na Haia, cidade dos Países Baixos a onde marchou co fin de complementar a formación e adquirir experiencia. Levou con el a paixón pola gaita que, asegura, será eterna.

A banda Suevia constituíu, de feito, unha peza fundamental no quebracabezas musical que empezou a coller forma ao redor deste sonense cando era só un cativo de sete anos. Nin sequera el lembra con nitidez os motivos que o levaron a ingresar no conservatorio de Ribeira, quizais fora o ánimo de probar ou co obxectivo de seguir os pasos dalgún amigo. O que ten claro é que a música daquela non tiña tantos adeptos coma hoxe en día: «Cando eu empecei eramos trinta nenos no conservatorio, e que nos graduaramos en sexto curso de profesional, unha década despois, só dous ou tres».

 

Inicio do camiño

Tampouco sabe que o levou a decantarse polo violín, instrumento que esqueceu por completo cando descubriu a gaita da man do gran Pepe Romero: «Cheguei tocando salvaxemente, pero o mestre púxome a andar. Así puiden entender o que é tocar con certa racionalidade e personalidade, dentro dunha escola ben asentada».

Quizais foi a man dura de Romero ou quizais foi o destino, que xa tiña nas estrelas escrito o seu camiño, pero o caso é que este sonense non tardou en ter claro que o seu futuro pasaba pola música. Seguiu formándose no conservatorio, pero cambiando o violín pola gaita e o piano, ao tempo que empezaba a sentir unha sensibilidade especial cara uns eidos musicais moi concretos: «Vivía coa mesma paixón o mundo da música tradicional e da clásica». Co instrumento galego por excelencia na man, recorreu ao repertorio antigo e namorouse da música barroca, na que acabou especializándose a nivel formativo. E desde o piano deu un enorme salto cara atrás no tempo e atopouse co cravo, que constitúe a día de hoxe o seu gran reto: «A miña vida consiste agora en seguir aprendendo como tocar ben este instrumento».

Coa formación acreditada polo Conservatorio Superior de Música de Vigo e a experiencia adquirida en Suevia, banda á que pertenceu durante máis dunha década, e en Xarabal, unha agrupación de gaitas viguesa da que formou parte un par de anos, Eliot Dios fixo a maleta e puxo rumbo aos Países Baixos. Asegura que o seu desexo por converter unha auténtica paixón en profesión motivou esta decisión: «En Galicia empezou a haber profesionais formados en música antiga hai uns vinte anos, polo que non é o mellor sitio para adquirir perfeccionamento. Pola contra, onde comezou este movemento foi nos Países Baixos, hai unhas sete décadas».

 

Senda a percorrer

O sonense non descarta, chegado o momento, volver á casa. Non se considera un talento obrigado a fuxir: «Hai que tomar conciencia de que hai lugares onde saben máis ca noutros en determinados temas, polo que ás veces é preciso deixar marchar xente e pode que despois volvan para non gardarse nada dentro, senón para compartir o que aprenderon». El ten claro que aínda está nesa etapa de adquirir coñecementos: «Un músico non se forma en dúas semanas, senón que cando rematas a carreira es consciente de que todo empeza aí, que non sabes o suficiente». Non descarta entrar tamén el nesa roda pedagóxica que xira constantemente: «Vivir da música contén tanto ofrecer concertos como impartir clases e tentar desenvolver proxectos persoais interesantes para achegar cada un o que humildemente poida a este mundo tan xigantesco».

Amósase disposto a vivir da música ou, como el prefire dicir, está convencido de que non pode vivir sen a música. Estraña a etapa en Suevia: «Poucas palabras hai que poidan expresar o meu afecto cara unha banda cun valor social que transcende do musical a niveis estratosféricos. Calquera se pode sentir a gusto alí dentro». Pero non ve, polo menos nun futuro próximo, o regreso a Porto do Son: «Ser cravista en Barbanza é complicado, pois só hai un, eu. E, de momento, en Galicia non hai moita cultura de música antiga». Pode que el sexa un dos chamados a resolver no futuro esta carencia.

Comentarios 0

Este proyecto ha sido cofinanciado por