«Sempre que veño quero caldo»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

ESPAÑA EMIGRACIÓN

Manu Negreira

O xogador camariñán apura os poucos días que ten de descanso este ano para «pasear polo pobo, correr un pouco polas mañás e estar coa familia e os amigos»

25 jun 2016 . Actualizado a las 08:07 h.

«O primeiro que fago ao chegar á casa é ir correndo a darlle dous bicos a miña irmá, ao meu pai e a miña nai». Este é o ritual de Víctor Manuel Vigo Gerpe cando regresa á súa Camariñas natal. Aos seus 32 anos é todo un trotamundos do balonmán. Iniciou a súa andadura no Conservas Boya, para continuar no Alcobendas, Teucro, Naturhouse La Rioja, Antequera, Atlético de Madrid (apenas 15 días porque foi o ano que desapareceu), Guadalajara e, de novo, Naturhouse, club no que suma dúas etapas diferentes. Nesta última leva dúas campañas e iniciará a terceira.

Central de 1,87 e 90 quilos de peso, foi o primeiro xogador da Costa da Morte en participar nunha competición continental por equipos. Ocorreu en novembro de 2009 na Copa EHF, en Belgrado, fronte ao Estrella Roxa, nun encontro que rematou en táboas (30-30) e no que o camariñán logrou catro dianas.

Nada diso é comparable como xogar a Champions: «Hai moitos momentos inolvidables na miña traxectoria deportiva, pero nada comparado co debut na máxima competición europea. É outro mundo, coñeces outros equipos, outras ligas e outras estruturas deportivas».

Con 32 anos, Víctor Vigo séntese con forzas para continuar na alta competición: «Teño sorte de que as lesións me respectan e o físico, tamén. Aínda creo que teño corda para un rato». Mentres, o xogador camariñán iniciará en breve o segundo ciclo para obter o carné de adestrador, aínda que se sente moi novo para dar o salto: «Aínda penso como xogador, pero si que me gustaría seguir vinculado no futuro ao balonmán, porque é un deporte que me encanta, independentemente de que o xogue. Gústame ver balonmán, é un deporte que me fascina». A súa liga favorita é a Alemaña «pola cantidade de equipos que hai e o nivel existente. Cada club ten tres ou catro internacionais, ademais de saberse vender moi ben co márketing, por iso, son tan fortes». O seu espello como club «é o Barcelona pola forma de xogar aínda que este ano quedou eliminado antes da Final Four».

E o seu xogador favorito é, sen dúbida, Andersson, o que fora central do Portland San Antonio: «Era o meu ídolo, enfrontarme a el foi unha pasada, un soño para min». Iso si, de pedirlle a camiseta, nada de nada: «Son moi tímido e moi cortado para pedir algo, pero enfrontarme a el, xa foi moito».

A diferenza dos futbolistas de elite, o xogadores de balonmán son máis cortoplacistas, e tamén teñen unha visión máis realista do que acontece ao seu arredor: «Acabo de renovar un ano polo Naturhouse». Logo xa se verá que ocorre.

Agora goza duns merecidos días de descanso trala espectacular tempada con seu equipo. O domingo regresará a Madrid pero xa tivo tempo de participar nun clinic que leva o seu nome, en Camariñas, con 150 rapaces participantes de entre 8 e 16 anos: «Crecín vendo balonmán no pavillón, ao lado da miña casa». Pero estes días aproveita para desconectar e cargar pilas. «En apenas ano e medio vin por Camariñas apenas 15 días. Boto en falla estar aquí, encántame o pobo, ver como crece, aínda que mantén a esencia de sempre. Gústame ver que a xente, mantendo os seus costumes, mellora e progresa». Pero, sobre todo, adora «estar coa familia e os amigos, aínda que algúns atópanse fóra polo seu traballo e non os vexo como desexaría». Vigo procura manter certas rutinas, «como ir correr ou pasear» e, se o tempo o permite, ir á praia «ou collo o coche e vou de ruta coa muller para que coñeza un pouco máis esta zona».

O de madrugar non vai con el cando está de vacacións: «Non o fago moito, non». Algo lóxico porque os deportistas de elite pasan gran parte do ano viaxando, adestrando, xogando e preparándose para participar en competicións internacionais». Pero o que mellor leva Víctor Vigo Gerpe é o tema da gastronomía.

Mantense en torno aos 90-91 quilos ao longo de todo o ano, aínda que estar en Camariñas implica algún que outro exceso culinario. Sobre as preferencias, Vigo Gerpe teno claro: «Mira, a miña nai [Amalia] vaime dar cun pau na cabeza cando diga que non hai nada que me guste máis que o caldo. Sempre que veño, teño que tomalo. De pequeno non me gustaba nada e agora non hai nada como uns bos grelos, chourizo e costela». O tema da climatoloxía e o calor non vai con el. «Estou acostumado aos 33 graos de Madrid, así que tomar caldo en Camariñas a 26 grados non supón un problema. Lévoo ben». Víctor Vigo rematará a súa visita o domingo para reiniciar os adestramentos e a tempada, que de seguro será tan boa ou mellor que as dúas anteriores.