Rubén Fernández: «En todos os aeroportos de España vas atopar un chourizo de Casa Castelao»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

INTERNACIONALIZACIÓN · Exclusivo suscriptores

Rubén Fernández, conselleiro delegado de Casa Castelao
Rubén Fernández, conselleiro delegado de Casa Castelao MANUEL FERNÁNDEZ

A empresa fonsagradina está traballando en consolidar a súa exportación

24 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi no ano 1999 cando varios socios, entre os que estaba o empresario fonsagradino Julio Fernández (presidente de Filmax), puxeron en marcha Casa Castelao, unha firma inspirada por dona Carmen, a matriarca da familia e avoa de Rubén Fernández (A Fonsagrada, 1977), hoxe conselleiro delegado da compañía. Aquela pequena empresa que pretendía honrar a tradición da comarca, é hoxe unha firma asentada que dá emprego a 18 persoas e que exporta as bondades do porco polo mundo adiante.

—Falar de Casa Castelao é falar de butelo.

—É o que nos identifica, aínda que non é o que máis cifra de negocio xera. Pero é que falar de A Fonsagrada é falar de butelos. O butelo empregábase antigamente para alongar a vida útil do produto nun momento no que non había frigoríficos. Cociñábase en días moi concretos do ano, porque antigamente pasouse moita miseria. Hoxe en día está plenamente asentado, hai 20 anos era un produto que case se coñecía só na Fonsagrada.

—¿Cantos butelos poden producir nunha campaña?

—Estamos entre 50.000 e 60.000. Fabricamos butelo todo o ano, pero a época de venda máis importante vai dende setembro a abril, polo que a concentración do 90 % está neses meses.

—Pero vostedes fabrican máis que butelo, non?

—Nós fabricamos unha serie de produtos que son importantísimos para nós, como son os chourizos, porque se consumen e venden todo o ano; as salazóns, entre as que destacan lacón e panceta; somos un dos principais fabricantes de porco celta e ecolóxico; o xamón, que é un produto tamén emblemático. Pero o butelo é, co xamón e o chourizo, do máis arraigado na Montaña.

—Teñen milleiros de puntos de venda, e os seus produtos xa traspasan fronteiras.

—Si, aínda que de momento exportamos cantidades moi reducidas. Exportamos a lugares como Inglaterra, Suíza, Portugal, Francia, República Dominicana... Os mercados ábrense. Estamos preparándonos para empezar a contemplar a exportación non como vía alternativa, senón como unha vía máis seria e importante para a empresa. Estamos moi implantados en Galicia e os nosos produtos pódense mercar en todos os aeroportos de España; en calquera deles vas atopar un chourizo de porco celta de Castelao; un loncheado de xamón ou un chourizo da avoa. Igual non son exportables produtos especialmente arraigados á xeografía galega, pero si que temos produtos como o xamón, o chourizo que son perfectamente vendibles.

—Como se logra chegar a tantos consumidores?

—O noso produto non se fai por volume, faise por calidade. Tentamos manter moito as características, o ADN co que nos criamos como empresa. É tentar aportar e presentar ao mercado un produto da máxima calidade. Non traballamos con materias primas conxeladas, seguimos un sistema de produción moi natural, tentamos abusar o mínimo de ingredientes engadidos, sen glute, sen lactosa, sen colorantes. Afumamos igual que se fixo sempre nas casas e tentamos apostar moito pola presentación do produto. Un bo produto, se non está ben vestido perde valor engadido e diferencial no lineal

—Como chegaron aos mercados exteriores?

—Ás veces contactas da maneira máis caprichosa, porque coñeces a alguén que coñece a alguén... e de aí nace unha posibilidade de venda. E logo, tamén grazas a feiras e contactos que vas facendo. Hai uns anos fixemos unha operación cunha cadea suíza que nos levara seis produtos exclusivos de porco celta para a campaña de Nadal e fora un éxito. Hoxe non hai distancias e hai sensación de querer levar produtos innovadores.