Publicidad
Publicidad

A Galicia mártir que chegou a China

Localizan tres exemplares das traducións que fixo Ba Jin das estampas de Castelao

redacción / la voz, 13 de marzo de 2017. Actualizado a las 10:38 h. 0

Ampliar imagen

0
0
0
0

Desde o inicio mesmo da Guerra Civil Castelao dedicou o seu talento e a súa enerxía á propaganda da causa republicana, primeiro en Madrid e despois en Barcelona e Valencia. Froito deste esforzo son os álbums Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos, publicados entre 1937 e 1938 co obxectivo de recadar apoios internacionais para o Goberno lexítimo: os textos que acompañaban estampas tan simbólicas como A derradeira lección do mestre estaban traducidas ao castelán, francés e inglés. Milicianos editaríase en Nova York e en 1938 o propio Castelao asistiu a unha mostra destes debuxos seus na Unión Soviética. Proba do alcance e da universalidade da arte de Castelao son as versións chinesas que fixo neses anos Ba Jin, un dos principais autores do país, e que nun curioso xiro regresarían a Barcelona para logo ficar esquecidas.

O achado vén de facelo o investigador Juan Prados, quen localizou tres exemplares da tradución chinesa de Galicia mártir e Atila en Galicia na barcelonesa Biblioteca Pública Arús. En realidade, chegou ata eles seguindo as pegadas dun personaxe singular, cuxa vida amosa certos paralelismos coa de Castelao: José Luis Rey Vila era un anarquista pacifista, naturista, defensor das bondades do nudismo e falante de esperanto. Como Castelao, era un artista que tiña a súa razón de ser na liña e na cor e, coma el, se puxo ao servizo da República. Baixo o alcume de SIM -debido á súa admiración pola filósofa Simone Weill- publicou os seus propios álbums, Estampas de la Revolución del 19 de julio e 12 escenas de guerra, e traballou no comisariado de propaganda da Generalitat catalá que dirixía Jaume Miravitlles. Como Castelao, morreu no exilio.

Detrás das pistas

Juan Prados e Jaume Rodon rastrexaron as pistas de SIM ata dar forma a unha exposición en Barcelona e unha biografía de próxima aparición. Foi así como coñeceron que Ba Jin tamén traducira as estampas de SIM, ademais das de Castelao, e localizaron as versións chinesas de ambos, as de Rey Vila no pavillón da República, e as do intelectual galego, na devandita Arús, inaugurada en 1895 por encargo deste mecenas e que aínda recibe aos lectores cunha reprodución da estatua da Liberdade.

«A la Biblioteca Pública Arús todavía no ha llegado la informatización y no fue fácil escudriñar en sus cajoncitos de fichas ordenadas alfabéticamente» ata dar cos tres libros chineses de Castelao, relata Prados, quen ao dar co achado viviu un deses pequenos momentos de felicidade que se dan de cando en vez na vida. O investigador aínda puido seguir tirando do nobelo da conexión entre Castelao e Ba Jin e atopou un traballo de fin de grao dunha estudante china na Universitat Autónoma de Barcelona, Da Chen, centrado nas traducións do seu célebre compatriota dos álbums do galego.

Ampliar imagen

Da Chen ofrece na súa investigación o contexto que rodea as obras e os seus autores, ademais de deterse polo miúdo no labor de Jin como tradutor, quen se tomaría as súas liberdades co texto. Jin, que morreu centenario no 2005, naceu no seu dunha familia de acomodados burócratas, pero axiña abrazou os ideais reformadores e revolucionarios. Viaxou a Francia, onde coñeceu o anarquismo e os grandes autores europeos, moitos dos cales traduciría: pasou ao chinés obras de 81 escritores de 16 linguas distintas. Ao dominio do francés engádese o do inglés, idioma que, segundo Da Chen, seguramente sería a fonte da súa tradución de Castelao. Segundo a investigadora, Jin viaxou en 1938 a Guangzhou (Cantón) e alí «quedó impresionado al ver la publicación original de Galicia mártir». O propio Jin deixou escrito que non coñecía a Castelao, aínda que si sabía que España estaba en guerra.

As principais liberdades que se tomou Jin foron cos títulos. Así, Galicia mártir foi Xibanya de xue, é dicir, O sangue de España, mentres que Atila en Galicia, que Jin vertería á súa lingua en 1940, foi titulado Xibanya de kunan, O sufrimento de España. Finalmente, ambas as dúas obras formarían parte dun só volume co nome de Il Sangue di Spagna e con textos en italiano, ademais de en chinés. Esta é a edición da que Prados atopou tres exemplares na biblioteca Arús.

A pesar de que Jin traduciu «galego» como jialixiya ren, a análise de Da Chen permitiulle comprobar como o tradutor rebaixou moito as referencias a Galicia, co propósito de facilitar a comprensión dos seus compatriotas, aínda que a estudante recoñece que as alusións a Galicia son fundamentais para entender mellor a obra da figura clave do nacionalismo galego e no seu traballo propón novas traducións.

É bastante probable que Castelao e SIM chegasen a tratarse nesas Barcelona ou Valencia de inicios da guerra. Resulta curioso imaxinar como chegaron os seus álbums ao Cantón de 1938, e máis aínda pensar no seu regreso, posiblemente nunha España franquista, para durmir durante anos, esquecidos mesmo polos xestores das bibliotecas, ata que unha man os devolveu á luz.

Como tradutor, Ba Jin verteu ao chinés obras de 81 escritores de 16 linguas distintas

Comentarios 0

Este proyecto ha sido cofinanciado por