Alberto Gutiérrez: Un científico mergullado nas augas de China

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

ASIA

Investiga os microorganismos do sistema mariño do país asiático para comparalos cos galegos

21 nov 2016 . Actualizado a las 10:19 h.

Viaxar, entrar en contacto con culturas completamente diferentes a dun e fotografarse en exóticas paraxes seguindo o camiño profesional ansiado constitúe un soño que poucos teñen ocasión de ver cumprido. Por iso, o ribeirense Alberto Gutiérrez se sinte afortunado. Aos seus 28 anos pode presumir de estar facendo todo o anterior e máis. Este biólogo atópase nestes intres realizando o doutoramento na Universidade Oceanográfica de Qingdao, o referente de China a nivel científico. Alí traballa nun estudo enmarcado no denominado cambio global. Investiga os microorganismos daquel medio mariño, que soportan un elevado nivel de contaminación, para realizar despois unha comparativa coas rías galegas, un ecosistema cun impacto ambiental moito menor.

Aínda que a súa traxectoria deu un xiro tempo atrás, Gutiérrez recoñece que desde pequeno tivo claro que o seu futuro debía estar ligado ás ciencias: «Sempre me gustaron os animais, pero acabei interesándome por células, moléculas, fisioloxía... No instituto familiariceime coa rama da bioloxía e xa me animei». Xa daquela viviu experiencias lonxe da súa terra, participando en dous programas Comenius que o levaron a Polonia e a Italia. Pero a súa primeira gran viaxe chegaría despois. Estudando Bioloxía na Universidade de Santiago xurdiulle a posibilidade de realizar un curso na North Dakota State University, en Estados Unidos. Alá marchou sen dubidalo.

Salto a Asia

A biotecnoloxía atopábase por aquel entón no horizonte ansiado do ribeirense, sendo o eido no que acabaría especializándose a través dun máster. Pero a súa carreira non tardaría en dar un xiro, ao ter enriba da mesa a opción de doutorarse en oceanografía biolóxica na Universidade de Vigo, proposta que aceptou. E foi precisamente desde alí desde onde deu o salto a China. O factor determinante foi o tema elixido para a tese. Alberto Gutiérrez realiza unha comparativa entre os microorganismos de dous sistemas mariños moi diferentes: o chino e o galego. Colle como punto de partida o aporte de nutrientes, dependente do nivel de contaminación de cada lugar, que neste caso é radicalmente distinto.

«Na costa galega, a contaminación das augas é moderada, pero en China e moi elevada, polo que comparar os dous sistemas pode resultar interesante», explica o ribeirense, que desde hai tres meses está mergullado nas augas do país asiático, de onde é probable que non regrese ata comezos de febreiro.

Ledo coa experiencia, o ribeirense non dubida en sinalar que ten que superar algún que outro obstáculo, que vai máis alá do evidente choque de culturas: «Domino o inglés, pero aquí serve de pouco, xa que é difícil entenderse, sobre todo en termos técnicos». Derrubar a barreira do idioma non lle está a resultar nada doado: «Aprendín algunhas frases curtas en chino, pero sería incapaz de manter unha conversa. É unha fala complexa posto que unha mesma sílaba, en función da entoación, ten significados diferentes».

A maiores, e en contra do que puidera parecer, só polo feito de ser occidental convértese en moitas ocasións en centro das miradas: «Qingdao é unha cidade moi visitada, pero case todos os turistas son chinos. Moitos residentes queren incluso facerse fotografías cos occidentais». Asegura que este fenómeno se repite en outros lugares aos que ten acudido de visita.

O futuro, no aire

Cando regrese a Galicia, Alberto Gutiérrez terá que rematar a parte do traballo relativa aos microorganismos que viven no sistema mariño da comunidade, unha tarefa que comezou antes de facer as maletas, pero á que aínda non lle puxo o punto e final. Será despois cando toque extraer conclusións.

O futuro, a medio e longo prazo, preséntaselle aínda incerto: «Teño claro que me gusta o camiño que collín no tocante á oceanografía biolóxica e considero que sería interesante continualo, pero aínda non teño nada decidido». O que ten claro Alberto Gutiérrez é que non se ve regresando á súa Ribeira natal, nin sequera establecéndose definitivamente en Galicia: «O que quero polo de agora é seguir viaxando, polo que se se me presenta a oportunidade de facer outra estadía noutro país, faría de novo as maletas».