Castelao: raíces, árbore e froitos

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

ARGENTINA

Mila Méndez

Miguel Anxo Seixas remata a súa tese sobre o intelectual, nacido hoxe hai 132 anos, para acadar un retrato global

29 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Castelao é máis evocado que visitado». A frase de Miguel Anxo Seixas Seoane (Arzúa, 1970), quen vén de poñerlle o ramo a sete anos de intenso traballo académico sobre o intelectual -nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado en Bos Aires o 7 do mesmo mes en 1950-, resume a necesidade de afondar nunha figura tan influínte como complexa. Próbao o feito de que a tese de doutoramento de Seixas -Castelao. Biografía dun construtor da nación, dirixida por Lourenzo Fernández Prieto e cualificada con sobresaliente cum laude- sexa das poucas sobre o escritor, artista e político. E coa novidade de achegarse á súa vida dende unha visión holística.

Hai factores externos e internos que contextualizan esas achegas parciais a Castelao en detrimento dunha máis global. Primeiro, o franquismo fixo todo o posible por desfigurar a súa memoria a partir de 1936; dous feitos son sintomáticos disto: cando morreu en 1950 a información oficial foi cativa e centrada na súa faceta como artista e cando Galaxia publica en 1953 Os vellos non deben de namorarse aínda tardará varios anos en esgotar os douscentos exemplares da primeira edición. Xa que logo, cando morre o ditador en 1975, «é un descoñecido para as novas xeracións», di Seixas. E segundo, o seu labor múltiple facilita a fragmentación: «É coma un acio de uvas, cada un colle a que quere, ou un hotel, onde sempre hai un cuarto que che gusta máis», explica o historiador. «Un colle o debuxante, outro o escritor, outro o político...».

Exemplar e excepcional

O propósito de Seixas era pescudar nun Castelao de «raíces, árbore e froitos», no que o home, a árbore, «unha figura exemplar», tamén contribuíse ao entendemento da «obra excepcional». Así, deste perfil de conxunto pódense extraer conexións na obra, como a que enlaza o debuxo dunha rapaza nova cun home rico e que semella anticipar Os vellos non deben de namorarse. Ou sintetizar o pensamento político de Castelao en catro termos: «Republicano, federalista, demócrata e nacionalista solidario».

A voda con Virgxinia. Castelao e Virxinia Pereira casaron na Estrada en 1912. Tiveron un único fillo, Afonso Xesús, que morreu antes de chegar aos 15 anos. Ela falecería en Madrid en 1969
A voda con Virgxinia. Castelao e Virxinia Pereira casaron na Estrada en 1912. Tiveron un único fillo, Afonso Xesús, que morreu antes de chegar aos 15 anos. Ela falecería en Madrid en 1969

Igualmente interesantes son os datos humanos. Saber, por exemplo, que Castelao, cos seus 1,90 metros de altura, o seu chapeu, caxato e gravata de lazo, frugal e fumador, era unha presenza que non pasaba inadvertida. «Era moi enxeñoso. Levaba sempre dous caderniños con el aos cafés para anotar cousas», describe Seixas, quen engade trazos da súa personalidade: «Afable, bondadoso, facía favores sempre que podía. A irmá dicía que todos tiñan algo bo que dicir del. A xente tíñalle aprecio».

Son estas calidades as que pon ao servizo da creación e a vocación política. Seixas admite que Souto ou Laxeiro eran mellores pintores que Castelao, pero cre que a súa xenialidade foi concibir o debuxo «como unha arma política». «Quere achegarse á xente e entende que a prensa é o mellor xeito de facelo. Ten que esquivar a censura. E dignifica aos galegos, os homes e mulleres que retrata son intelixentes, a través do prisma do humor, que é agudo e enxeñoso, non chocalleiro», engade o historiador, quen subliña a invención do microrrelato en galego por Castelao.

A vida política

O debuxo convértese nun aliado do político. Castelao sacrifica unha posición cómoda por un ideal de Galicia que se concreta nas Irmandades da Fala primeiro e o Partido Galeguista despois. Seixas sente que a República foi inxusta cun Castelao -«nin aparece citado nas memorias de Azaña»- que loitou arreo pola restitución da democracia durante a guerra e máis tarde no exilio. Foi unha demostración máis de honestidade e de ética de quen sempre traballara contra a «inxustiza e o caciquismo».

Exilio. Despois da guerra Castelao viviu a dureza do exilio (aquí retratado por Eduardo Blanco Amor), unha etapa na que loitou pola República e por situar a Galicia nunha hipotética restauración dunha España democrática e federal. Morreu en Bos Aires en 1950
Exilio. Despois da guerra Castelao viviu a dureza do exilio (aquí retratado por Eduardo Blanco Amor), unha etapa na que loitou pola República e por situar a Galicia nunha hipotética restauración dunha España democrática e federal. Morreu en Bos Aires en 1950

Para Seixas, a tese era un acto de «xustiza» que adquirirá o seu sentido último coa súa publicación para que estea accesible á cidadanía. O historiador cre que habería que visitalo máis -«o ideal sería lelo todo», propón-, máis alá das homenaxes, tamén lexítimas. Esa lectura global tamén evitaría malinterpretacións: «Non se pode sacar unha frase de contexto, como cando escribe na guerra, baixo as bombas». Meréceo unha figura que xa é un símbolo: «Os pobos elixen os seus símbolos. E pobo o galego elixiu dous, Rosalía e Castelao».