«Galicia non pode permitirse o luxo de prescindir de Xosé María Cao Luaces»

ARGENTINA

. xoán a. soler

O xornalista e debuxante Siro López pon ao caricaturista ao nivel de Castelao

07 jun 2016 . Actualizado a las 09:21 h.

Con 13 anos xa traballaba no deseño dos debuxos de Sargadelos, e logo de percorrer outras localidades da Península, con 25 anos embarcou cara Arxentina e nunca máis volveu a Galicia. Malia todo, como recorda o xornalista e debuxante Siro López, «Xosé María Cao Luaces foi sempre un galeguista militante». E por iso, e pola calidade da súa obra, e porque un dos seus mellores discípulos naceu a uns metros da casa de Siro en Ferrol, o caricaturista galego emprendeu «unha aventura gozosa», a de divulgar polas vilas galegas a obra e a figura de Cao Luaces, porque «non temos tantos talentos en ningún campo da cultura como para prescindir del. Galicia non pode permitirse o luxo de prescindir desta figura». Unha figura que Siro pon ao mesmo nivel que a de Castelao e que quen sinta curiosidade poderá coñecer a través das corenta caricaturas que se expoñen na biblioteca Ánxel Casal ata o día 12 deste mes.

«

Caras y caretas

»

Pensa o presidente do Club de Prensa de Ferrol que só pola calidade da súa obra xa pagaba a pena mergullarse nesta aventura, pero é que ademais, Siro quere dar a coñecer a súa biografía como activista político e o seu vencello a Galicia, terra á que xamais volveu, pero non esqueceu nunca e que reflectiu no seu apoio incondicional os emigrantes que chegaban a Arxentina.

Na súa carreira profesional, logo de ter colaborado en prestixiosas publicacións, acadou sona mundial coa dirección de «Caras y caretas». Conta Siro nas conferencias que ofrece acompañando a mostra que «Castelao recibía con días de retraso a revista e aí empezou a debuxar copiando as caricaturas». Unhas caricaturas de enorme calidade. «Podería facerse rico facendo retratos da sociedade arxentina, pero el sempre foi un activista, unha persoa comprometida».

O berce desta exposición está, como non podía ser doutro xeito, en Ferrol. «Cao tivo un recadeiro que era Juan Carlos Alonso, un raparigo de Ferrol que debuxaba moi ben e púxoo a publicar na revista e co tempo, este rapaz que naceu a uns metros da miña casa, foi o mellor caricaturista de Arxentina».

Esa paixón polo debuxo e tamén pola patria levou ao Club de Prensa de Ferrol, do que Siro López é presidente, a organizar unha mostra coa reprodución de corenta caricaturas de Cao. Logo, a Secretaría Xeral de Cultura patrocinou esta exposición itinerante que agora está en Compostela pero que percorrerá Galicia ata rematar en Cervo, terra natal do autor.