«Si se cambiará o sistema de voto para facelo máis sinxelo»

La Voz

RETORNADOS

16 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na Costa da Morte, a incidencia do retorno é moi importante, sobre todo de Suíza, e iso leva aparelladas moitas cuestións legais que teñen que ver coa tributación, herdanzas, xubilacións....

-Como se pode asesorar sobre temas tan particulares e tan específicos de determinados países?

-Nas nosas oficinas, a cada persoa que pasa por alí, ábreselle un procedemento de seguimento, ata que se integra plenamente en todos os aspectos. A casuística é moi distinta, si. Non é o mesmo a casuística da persoa que vén xubilada que a que volve coa vida activa. Dos retornados, máis do 80 % teñen menos de 65 anos, en vida activa. Nós o que facemos é asesorar, porque cada caso é como é, en temas fiscais, educativos... Se ves de fóra do espazo europeo, a homologación de títulos universitarios é un calvario. Familiares que non teñen a nacionalidade, pois entramos en temas de estranxeiría, no caso das familia mixtas. En fin, todo iso obríganos a estar de lado deles e axudar no que poidamos.

-En canto á xente que marcha, na Costa da Morte segue habendo moitos que se van para Suíza, ou para a construción. É algo que a secretaría percibe?

-Si sabemos que en países como Suíza hai un intercambio de maneira habitual. Temos moitas familias que estiveron alá, e puntualmente ás veces van traballar alá, ou aquí. Hai pouco estiven en Muros con dous rapaces que viñan formados de Suíza e fixeron un proxecto de emprendemento dunha actividade marisqueira, e encantados. E aló traballaban no sector servizos. Hai xente que volve, que marcha... Todo depende das circunstancias persoais de cada un, da familia... De ida e volta continua. Pero a intensidade da volta e establecéndose aquí é moi grande, aínda que é certo que hai un camiño continuo a un lado e ao outro, porque son moitos anos de relación. Hai familias partidas. As chegadas que vemos son moi elevadas, e logo o dato estatístico confírmanolo.

-Cre que os emigrantes poderán volver a votar nas elección municipais coma antes?

-Véxoa moi complexa, xa se pronunciou o Consello de Estado. As municipais pasan pola presenza real, e non podes votar en dous sitios distintos. Pero si se cambiará o sistema de voto para facelo máis sinxelo.