María Nogareda, retornada homenaxeada en Ordes: «Sempre está esa ilusión de reencontrase no verán»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

RETORNADOS

O Día do Emigrante foi un festexo comedido este ano, pero non fallou a ofrenda, cunha retornada de Suíza como protagonista

17 ago 2020 . Actualizado a las 09:05 h.

O San Roque de Ordes e o Día do Emigrante que pecha as festas patronais foi unha cita comedida este ano, adaptada ás circunstancias, pero non faltou a tradicional ofrenda ás persoas que noutros tempos buscaron fortuna fóra e manteñen a vinculación coa terra.

A homenaxeada deste ano foi María Nogareda Veiras, da Fraga da Galiña (parroquia de Santa María de Ordes). Emigrou a Suíza no 80, cando tiña 20 anos. Xa estaban alí todos os seus irmáns e recorda esa etapa como «unha experiencia marabillosa». Traballaba no téxtil cando marchou e xa levaba sete anos no sector, pois empezou ao acabar a escola. «Non seguín alí porque non quixen. Como tiña aos nenos, fixen unhas horiñas de limpeza para atendelos», relata. Acabou retornando no 2000, empurrada polos fillos. «Eu volvín para o meu téxtil tan pronto cheguei e o marido retomou a construción, pero por desgraza el faleceu hai uns aniños», engade María Nogareda, protagonista onte da ofrenda ao emigrante. «Aínda hai moitos que seguen fóra, eu por exemplo teño algún irmán e sobriños que quedaron alá, e sempre está esa ilusión de reencontrarse no verán», destaca.

«Foron unhas festas peculiares», coincidía o concelleiro de Cultura e presidente da comisión de festas, Abel Blanco, e con menos afluencia da habitual. A igrexa non se encheu coma outros anos para a misa en honor a San Roque. Tampouco houbo procesións para evitar riscos. E, no acto no monolito ao emigrante, participaron só as autoridades, párrocos e a homenaxeada e os seus familiares. O discurso do alcalde estivo tamén marcado polo coronavirus. O rexedor convidou á cidadanía a ser responsable para frear ao virus.

Pero non só o covid se interpuxo onte no San Roque, tamén a choiva, que obrigou a cancelar o concerto da banda previsto pola tarde. A formación municipal puido tocar algunha peza pola mañá, incluído o Himno galego no acto á emigración. E as agrupación de música tradicional que percorreron as aldeas da parroquia tiveron nalgún momento que parar para resgardarse, polo que non puideron chegar a todos os puntos. Iso si, por onde foron recibíronos con aplausos dende as ventás. E a festa acabou cedo, sen a xa habitual verbena, un dos actos cancelados hai meses para evitar aglomeracións.