«Un cliente antes era para sempre, igual que a calidade do xénero»

Mercedes Carballal aprendeu o oficio en Cumeiro, emigrou a Francia e ao volver puxo unha tenda de moda


lalín / la voz

Á familia López Carballal sóbranlle agullas, teas e fíos. Mercedes toda a vida adicada á costura e á moda, e Raúl que aínda agora segue ao fronte da súa sastrería malia que xa lle chegou a idade da xubilación; «pero di que disfruta do traballo, que é o que fixo toda a vida», comenta cun sorriso a súa muller Mercedes Carballal Penas quen sí deixou nas mans do seu fillo Julio e da súa nora Lupe a tenda que ela mesma fundou no ano 1980.

-Na súa casa non terán problemas para coller unha agulla.

-Non (risas). No ano 1968 xa o meu home abriu a sastrería e eu axudáballe en todo o que podía, e despois foi cando pensei en poñer unha tenda de roupa para muller e nenos.

-Fagamos un chisco de historia de como comezou a súa carreira no sector comercio.

-Son natural de Cumeiro e a min traballar a terra non me gustaba nadiña... Naquelas anos terminabas na escola e tiñas que ir fóra para seguir estudando, pero meus pais eran labradores e non había posibles entón fun aprender a coser cunha modista da parroquia. Para a maioría das mulleres era a carreira que tiñamos. Fíxenme costureira, estiven uns anos en Francia, casei con Raúl e estiven con el na sastrería ata que pensei que sería bo contar cunha tenda de roupa de muller á que lle sumamos tamén prendas para rapaces. Foi así como naceu Confecciones Sora no ano 1980 e que se manten dende 2007 como Sora Moda, baixo a dirección do meu fillo e da miña nora, despois de que eu me xubilara.

-Que prendas confeccionaba na sastrería?

-Saias. Fixen moitas saias para mulleres que non atopaban o que querían. Bueno o certo é que daquela todo se confeccionaba a medida. Eran anos en que non se daba feito a coser e aínda hai quen segue preferindo este tipo de confección. O meu home, que está prexubilado, fixo aínda recentemente tres traxes para unha voda. As prendas confeccionadas a medida sentan doutra maneira. O malo é que cada vez quedan menos sastres e modistas. Son profesións que van desaparecendo co paso dos anos. Unha pena!

-Moitas modistas cosían polas casas, foi o seu caso?

-Non. Eu non fun coser polas casas pero acórdome de ter nós na casa unha modista tres días enteiros facéndonos a roupa e mesmo durmía na casa. Era algo moi habitual en todos os sitios; viñan coa máquina de coser e quedaban varios días ata que acababan o traballo. É unha profesión na que nunca eres aprendida senón que sempre aprendes cousas diferentes.

-Dicía que estivo en Francia, país no que a moda foi un refente.

-Son a más nova de catro irmáns e como non quería quedar traballando a terra... Pasoume o de moitos veciños... Ir na procura de algo mellor. Fomos moitos os cruceños que marchamos de emigrantes buscando traballo, e unha boa remesa escollemos Francia. É certo que alí a moda estaba en todo o seu esplendor e nós aquí ibamos con retraso de catro ou cinco anos respecto do que se levaba alí, pero agora non hai sitio como Galicia.

-Que cambios foi apreciando no desenvolvemento do sector comercio nestes anos?

-Moitos. O máis importante ao mellor é o feito de que un cliente antes era para sempre, mantíñase fiel ao teu establecemento, e o mesmo sucedía coa calidade do xénero que era fantástica. Unha chaqueta de punto, por exemplo, podías garantila. Sabías que ía manterse sempre en perfectas condicións e hoxe mércala por boa, véndela como boa pero non podes asegurala.

De Cumeiro ao pobo. Mercedes leva xunto co seu home Raúl, que foi alcalde de barrio de Vila de Cruces, 53 anos vivindo no casco urbano.

Cativos. O descenso de nacementos e a chegada de tendas especializadas motivou o peche da liña infantil de Sora.

«A xente merca por Internet, e aínda que a prenda saia mala ou non guste, xa está pagada»

Cincoenta e dous anos dedicada ao mundo da confección e da venda danlle a Mercedes para facer unha completa restrospectiva do sector.

-O futuro do comercio? Pois non o vexo ben. As grandes áreas primeiro e as vendas por Internet despois están acabando cos pequenos comercios tan importantes nos nosos pobos. A xente merca por Internet, e aínda que a prenda saia mala ou non guste, xa está pagada. Antes vendíase moi ben e de todo. Cando as mulleres traballaban, sobre todo nas moitas cooperativas que había, eran de mercar. A muller se ten diñeiro compra. Antes vivías do comercio, agora tamén pero con moitas dificultades... Vila de Cruces tiña 11.000 habitantes, e hoxe 5.200 veciños. Son cifras que o din todo.

-Aínda con todo ese panorama de incerteza, sería de novo comerciante?

-Si. Non teño a máis mínima dúbida. De feito se volvese a nacer pediría ter a mesma vida que tiven. O que penso é que os negocios deben de estar en mans dos propietarios, e aínda que haxa empregados; e nós tivémolos, que o dono non o deixe de lado.

-Bota de menos a tenda?

-Ao principio cando me xubilei non foi fácil, pero unha muller nunha casa sempre ten que facer e baixo á tenda a botar un conto cun cliente...

-Segue cosendo?

-Aínda coso pero agora para min (risa). Para fóra non fago nada. Son tempos que quedaron atrás ao igual que o meu profundo agarimo pola magnífica clientela que tiven todos estos anos. Só podo ter palabras de agradecemento para toda ela. Tiven moita sorte cos clientes e coa súa fidelidade ao longo dos anos. Máis dun entraba pola porta a mercar unha prenda e me agasallaba con produtos que cultivaba na súa horta.

Votación
0 votos
Comentarios

«Un cliente antes era para sempre, igual que a calidade do xénero»