«Das cidades que coñezo do país, Liverpool é das mellores para vivir e traballar»

Unha axuda da Deputación levouna a Belfast e foi o inicio da súa experiencia inglesa


ourense / la voz

A Ángela Garrido Ledo unha das becas Leonardo da Deputación de Ourense cambioulle a vida. Grazas á mesma viaxou ata Belfast para perfeccionar o seu inglés e facer prácticas laborais nunha galería de arte da cidade. Antes pechara o seu ciclo formativo coa licenciatura na Facultade de Belas Artes, de Pontevedra, e o mestrado de profesorado para orientarse cara ao ensino, o seu obxectivo naquela altura era ser profesora de secundaria.

Todo mudou nese xaneiro do 2013 no que colleu camiño de Belfast para pasar alí tres meses. «Logo un grupo dos que participaramos nas becas Leonardo decidimos volver á cidade, xa pola nosa conta, para buscarnos a vida. De feito alí foi onde coñecín ao meu marido, que tamén marchara a Belfast, no seu caso para traballar como enxeñeiro de camiños». O escenario xa era outro: Fernando Núñez Veiga xa tiña traballo na empresa na que estivera cando chegou coa beca Leonardo e Ángela tivo que probar noutros sectores. «Traballei facendo moito voluntariado porque era moi difícil conseguir entrar como profesora. Esa experiencia, con asociacións e con algún colexio, xa me deu pé logo para entrar a traballar nun centro; primeiro como asistente de profesor».

Cambio de cidade

Ángela e Fernando decidiron no seu día cambiar Belfast por Liverpool: «Alí xa non daba subido profesionalmente, non había alternativas, e acordamos mudarnos a Liverpool porque o meu marido tiña a posibilidade de seguir traballando alí para a mesma empresa». E así foi como empezou de profesora de Arte na cidade onde xa levan cinco anos e medio. Na actualidade a ourensá traballa nunha empresa privada que se dedica a conseguir becas para os estudantes universitarios. «Alí todos viven nos campus e nós canalizamos as demandas para conseguir as becas dos seus respectivos concellos. Tamén axudas no caso de persoas con algunha necesidade a maiores -transporte, cadeira de rodas e outros materiais-. Os concellos xa contan con fondos para estas becas e a nosa empresa o que fai é tramitar as solicitudes dos universitarios».

Ángela Garrido Ledo confésase feliz en Liverpool. Para ela é unha das cidades ideais do país para vivir, senón a mellor, e conta cunha oferta de ocio e recursos cun amplo abano de posibilidades. «Viaxamos moito nestes anos e das cidades que coñezo Liverpool é coa que me sinto máis identificada e cunha vida cultural e de ocio do mellor. Imos moito a espectáculos de ballet e ópera, tes unha programación de concertos e música en directo nos locais moi ampla e variada, hai moita actividade deportiva, escalada, zonas naturais próximas marabillosas e mesmo grandes parques na cidade para descansar e tomar o sol». Sobre este último apartado tamén incide na necesidade de desbotar tópicos «nin é tan gris como se fala nin chove tanto». Xunto á vantaxe de vivir nunha cidade que considera moi cómoda e manexable está a do sistema inglés: «Ao non ter horario partido é moito mellor e aproveitamos máis o día e podes facer máis cousas».

O brexit é o tema recorrente cando se fala do país, mais non será unha ameaza para o futuro. «Non se fala tanto como se pensa diso, e incluso os que votaron a favor de quedarse teñen claro que eles son os que van saír gañando na loita con Europa. A nós non nos miran como unha ameaza -sempre che din que españois, franceses, italianos e demais non van ter problemas- e si que son máis críticos coa emigración dos países do Este, turcos e outros colectivos».

 

Vivir en liverpool

Vencellada para sempre á memoria dos Beatles, Liverpool sente auténtica paixón polos músicos. «A súa imaxe e recordo está por toda a cidade. A Caverna é visita obrigada cada vez que veñen amigos ou familiares e no barrio onde se atopa o local estás escoitando a música dos Beatles todo o día polos bares e os comercios da zona». Ela tamén ten a súa foto coa escultura dos músicos.

Orixe nunha beca Leonardo.

traxectoria vital

Orixe nunha beca Leonardo. Ángela Garrido Ledo (Ourense, 1986) licenciouse na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Fixo o mestrado para desenvolver o seu percorrido profesional e, ao rematar, presentouse a unha das becas Leonardo que convocaba daquela a Deputación de Ourense. Coa axuda do organismo provincial foise a Belfast en xaneiro do 2013. Gustou da experiencia e marchou de novo para alá xunto con outros ourensáns que coñecera por ser tamén beneficiarios das becas Leonardo. De Belfast pasaron a Liverpool, onde xa tiña traballo Fernando Núñez Veiga, e alá seguen. A experiencia está resultando moi boa e Ángela Garrido recoñece que se sinte moi cómoda e totalmente integrada en Liverpool. A familia tira, e se antes fixaba un horizonte de volta a longo prazo agora cre que igual non pasa tanto tempo antes de regresar. Cando iso aconteza, Ángela Garrido Ledo sabe que o seu destino profesional será no sector da educación.

Votación
0 votos
Comentarios

«Das cidades que coñezo do país, Liverpool é das mellores para vivir e traballar»