«Ao principio paseinas moi negras, pero espabilas»

Emm araújo

REINO UNIDO

Francisco del Río y Carmen Álvarez
Francisco del Río y Carmen Álvarez

Francisco del Río e Carmen Álvarez tiñan unha lavandería industrial en Wimbledon

15 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco del Río, veciño de Parada, e a súa muller, Carmen Álvarez Palmas, son os emigrantes aos que este ano o Concello de Ordes lles rende unha homenaxe por toda unha vida de traballo fóra da súa terra, no seu caso en Londres, onde estiveron mais de corenta anos, pero xa levan tres de retornados, no seu caso, no lugar de Couso, en Gondomar. 

- ¿Por que decidiron emigrar a Londres para empezar unha nova vida?

-De mozo, eu xa estivera en Londres durante seis anos, pero cando casamos marchamos a Palma de Mallorca e tivemos un fillo. Pero por un problema de saúde cando naceu o noso fillo decidimos volver a Londres. E alí estivemos ata que hai tres anos volvemos para Galicia, onde estamos moi contentos. 

- ¿Como foi a súa vida en Inglaterra, é un pais moi diferente ao noso?

-Nunca traballei para ninguén. Montamos unha lavandería industrial na mesma Londres, a seis millas de Wimbledon. Primeiro era pequena, pero chegamos a ter traballando a máis de corenta persoas. Eu, nos primeiros anos en Londres paseinas moi negras pero despois espabilas, porque se non o fas, cómente vivo. Eu non fun moi estudado pero traballei moito, e así saín adiante. E no que puiden tratei de axudar aos emigrantes que fun coñecendo porque sempre somos persoas de segunda categoría. 

- ¿Despois de toda unha vida fóra, tiñan claro que querían volver a Galicia?

-Si, a verdade. Cando levábamos seis anos en Londres fixemos a nosa casa en Couso, e sempre viñamos a Galicia dúas veces ao ano.

- ¿Que diferenzas ve na emigración de agora comparada coa que lle tocou vivir?

-Antes, alí podías traballar sen papeis, pero agora é moi difícil. Cando eu marchei a Inglaterra, durante os primeiros catro anos tiña que informar á policía se cambiaba de casa. Eles viñan a comprobar onde estaba e como vivía para ver que todo estaba ben, e así cada vez que facía algún cambio. Pero unha vez pasados eses catro anos, xa non tiven ningún control

- ¿E bota aquilo de menos?

-Aos amigos, porque alí vivimos máis de 40 anos. Aquí estamos mellor e ademais temos aquí ao fillo e ás netas. Pero xa fomos dúas veces a Londres, aínda que cada vez temos menos ganas.

Francisco del Río e Carmen Álvarez tiñan unha lavandería industrial en Wimbledon.