Carlos Velo regresa a Galicia

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

MEXICO

Carlos Velo

O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolle unha mostra coas imaxes realizadas polo director de cine en 1967, cando volveu a Cartelle para ver os pais

11 nov 2017 . Actualizado a las 16:59 h.

Carlos Velo (Cartelle, 1909-México D. F., 1988) deixou un mandado rexo á súa morte: as súas cinzas tiñan que ser deitadas no Golfo de México para que as correntes mariñas o trouxeran de volta a Galicia. E aos poucos a marea vai traendo novas do director de cine, proxectos que empezaron a xermolar hai anos, como é o caso da mostra Carlos Velo. A volta a Cartelle. Fotografías, 1967, que se amosa ata o día 26 no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. Logo do seu pasamento a súa viúva, Carol de Swaan, entregoulle a Teresa Velo -filla do director e de María Luisa Santullano, a súa primeira muller- unha manchea de caixas, documentos e lembranzas do realizador ourensán. O descubrimento que dese pequeno tesouro van facendo Teresa e a súa filla Laura Gárdos Velo aparece no documental Vieiros, vida y obra de Carlos Velo, que a neta realizou no ano 2000. 

Entre os materiais estaba unha colección de medio cento de fotografías, en formato 6 por 6, que daban conta dunha viaxe moi especial e que son as que se amosan por vez primeira no seu conxunto, nun proxecto comisariado por Xosé Enrique Acuña no que Xulio Gil asumiu a responsabilidade do tratamento dos negativos e a realización das copias de gran formato (un metro cadrado) para a mostra.

As imaxes son a testemuña dun sentimento e o resultado do oficio dun director de cine acostumado á composición e a traballar coa imaxe. Carlos Velo era un exiliado político, fuxira a México para que non o pasearan na guerra, e un coñecido antifranquista; mais tiña un sentimento que o fería por dentro: naquela altura tiña 57 anos e había trinta que non vía os seus pais, que xa estaban maiores. O director viña a presentar Pedro Páramo no Festival de Cannes e matinou que o risco pagaba a pena; era un inimigo do réxime de Franco, si, mais botou as súas contas e rematou convencido de que aos franquistas non lle conviña meter no cárcere a un realizador de proxección internacional. 

E así foi como o fillo do médico de Cartelle volveu á vila para atoparse de novo cos seus pais, cos veciños, coas casas que lembraba dende os anos mozos e coas súas orixes. «Había que volver. En realidad todos deben volver, aunque sea solamente para recobrar las raíces que están en la tierra», así enceta a conversa que Carlos Velo mantivo co xornalista Alberto Míguez, que apareceu publicada en Índice en novembro de 1967, para explicar as razóns do seu regreso.