«A nosa nena ten dous anos e non se enterou do tremor, estivo tranquila»

Inmaculada Eiroá González
inma eiroá VIVEIRO / LA VOZ

MEXICO

«Quedamos sen luz e sen teléfono, pero na nosa casa, na Colonia Aquiles Serdán, non sufrimos danos, aínda que aquí houbo uns 50 falecidos»

22 sep 2017 . Actualizado a las 11:53 h.

Zalo García, un mindoniense afincado en México dende hai algo máis de catro anos vive estes días pendente do terremoto que sufriu o país de acollida. Contaba onte que despois do seísmo principal producíronse moitas réplicas, pero son pequenas e pasan desapercibidas.

Nin a súa familia, nin a súa casa, situada na Colonia Aquiles Serdán, sofreron danos. «Aquí houbo falecidos, pero non chegaron a 50. A pesar de que nós estamos pegadiños ó epicentro do terremoto, a uns 60 kilómetros, afectou moito menos que en México capital. É porque o subsolo de Puebla é distinto; debaixo de México, xa o di a canción, hai unha lagoa e vaise sentir o triplo. E a pesar de que despois do terremoto de 1985 se fixeron os edificios máis seguros, sigue habendo moitos problemas e moita xente desaparecida».

Na súa casa, unha vez pasadas esas tres horas seguintes ás do tremor, nas que se quedaron sen subministro eléctrico e sen conexión telefónica, están todos ben. Mellor dito, matiza que están ben fisicamente, pero «hai moito trauma».

¿A nena? «A nena ten dous anos e non se enterou. Como é tan pequena digo eu que o tomaría como unha atracción. Cando a fun buscar ó colexio estaba tranquila», explica. Estes días está na casa, porque se suspenderon as clases en Puebla e outros estados.

Según Zalo, a luz non volveu marchar na súa cidade. «Onte (o mércores) fun levar á muller ó traballo, ás 7.30 horas da mañá, e o que si que notei é que a cidade estaba máis valeira de coches, menos viva. Tamén é certo que o centro histórico está pechado ó tráfico e ó estar os colexios pechados, nótase».

Tampouco teñen falla de nada, asegura. «Ó contrario, a xente de México é moi solidaria; na miña familia decidimos levar un carro de compra, con produtos básicos como auga, pan, pañales, arroz..., cousas esenciais, para que as familias que o necesitan pasen estes días. Levámolo á radio local de Puebla».

Zalo insiste no aspecto solidario: «Neste tema non hai clases sociais; isto pásalle a calquera, non hai clase alta nin clase media; á hora de solidarizarse a xente desplázase kilómetros non só a levar alimentos, senón para axudar nas tarefas de rescate. Os que poñen trabas son os políticos; estiveron retirando con grúas coches da xente que estaba colaborando e cando lles pediron a todos que os cartos que tiñan para a campaña electoral _aquí duran un ano ou máis_ os doaran para os afectados e negáronse. E o que reciben dos presupostos os políticos é mais que o que se destina a estas catástrofes, a pesar de que aquí hai moitas».

O contacto cos amigos e con Mondoñedo manteno sobre todo a través de Facebook. Di que as novas tecnoloxías permiten moitas veces estar máis enterado das cousas que pasan que os que viven alí ó lado: «Aí enterástesvos do terremoto, de onde estaba o epicentro, ós dez minutos, e aquí non soubemos nada ata tres horas despois», sinala, explicando que está ó tanto do que ocorre estes días en Cataluña.

Zalo, cando vivía en Mondoñedo, era coñecido por moitos polas caricaturas que facía abordando temas da actualidade, que tamizaba a traveso dos seus personaxes, Cuncas e Cunqueiro.