Os autores Eça de Queirós e Alfredo Guisado eran descendentes de galegos

Joel Gómez SANTIAG0 / LA VOZ

EUROPA

Eça de Queiroz (esquerda) e Alfredo Guisado.
Eça de Queiroz (esquerda) e Alfredo Guisado.

Novas investigacións evidencian as raíces familiares dos escritores lusos

29 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Vicente Risco edita A costela galega de Eça de Queirós, ao que concedeu o seu premio de investigación en ciencias sociais. Neste estudo, Carlos Quiroga, profesor da USC, completa a xenealoxía do escritor portugués, co lado materno, con ascendencia galega. E o Concello de Ponteareas e a Deputación de Pontevedra publican Alfredo Guisado. Xente d'aldea e outros textos das orixes, preparado por Carlos Pazos, profesor galego da Universidade do Minho (en Braga), que inclúen na colección «Creadores ponteareáns». Asumen así este escritor, nacido en Lisboa, e de familia orixinaria de Pías (Ponteareas) como propio. Os dous volumes foron presentados o pasado sábado: o de Quiroga en Castro Caldelas; e o de Pazos en Pontevedra, no Culturgal. 

O estudo de Eça de Queirós (1845-1900) inclúe 30 documentos oficiais, 25 xenealóxicos e 5 militares e do Santo Oficio, e outros elementos novidosos, resultado de máis de catro anos de investigación. Proba como Anselmo Vicente Areal Martínez, bisavó de Eça de Queirós, naceu en Santa Mariña de Areas (Tui) o 20 de maio de 1737. Casou coa portuguesa Maria Luísa de Abreu e a undécima filla que tiveron, Angélica Rosa Clementina de Abreu e Castro, foi a avoa do escritor. Angélica casou en segundas nupcias con José António Pereira d'Eça, militar en Valença do Minho; e a súa cuarta filla, Carolina Augusta Pereira, será a nai de Eça de Queirós, quen naceu cando ela estaba solteira, e casou posteriormente co pai, José Maria de Almeida Teixeira de Queirós.

«Agora tamén se coñece ben a xenealoxía de Eça de Queirós pola liña materna, galega, pois había traballos incompletos ou incorrectos, ao contrario da liña paterna, que está moi ben estudada», afirma Carlos Quiroga.

Carlos Quiroga.
Carlos Quiroga. PACO RODRÍGUEZ

O caso de Alfredo Guisado (1891-1975) é ben diferente. Carlos Pazos afirma que xa desde 1745 está documentada a presenza en Lisboa de membros da familia Guisado, orixinarios de Pías. Nacido na capital portuguesa, Alfredo «mantivo sempre a Galiza no máis profundo do seu corazón» e «gozou dende pequeno de longas tempadas en Pías, a terra dos seus pais», afirma un texto asinado pola súa familia, incluído neste libro agora editado. Casou con Maria Guilhermina Ferreira e esperaba vivir nun futuro con ela en Pías, acrecentan, aínda que iso non aconteceu.

Carlos Pazos califica este autor de «lisboano», un xentilicio que se aplicaba a galegos emigrados en Lisboa que conseguiran éxito profesional e que atinxiran recoñecemento social na terra das orixes. Até poucos anos antes de morrer, Guisado veu a Galicia e «o ano 1921 é, sen dúbida, o da consagración galeguista de Alfredo Guisado». Foi cando publicou Xente d'a aldea; e en xornais galegos nesa altura. O libro está dedicado a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e leva na capa un deseño do ilustre rianxeiro, que se reproduce de novo nesta edición de agora en Ponteareas. 

Carlos Pazos.
Carlos Pazos. Sandra Alonso

Dous autores ben situados no canon literario portugués do XIX e do XX

José María Eça de Queirós, autor de O crime do padre Amaro e outros coñecidos títulos; e Alfredo Guisado, quen colaborou con Fernando Pessoa na revista Orpheu e está recoñecido entre os integrantes do grupo dos modernistas, do século XX, son dous escritores ben situados no canon literario portugués. 

Eça de Queirós é na actualidade o maior representante das letras lusas do XIX. Carlos Quiroga destaca que o exiliado ferrolán Ernesto Guerra Da Cal deu, cos seus estudos nas universidades de Nova Iorque en que exerceu «o impulso definitivo para a consagração moderna, científica e mundial de Eça». A partir dos traballo de Da Cal chegou a ser «figura central do campo literário português, lusófono e universal», acrecenta Quiroga.

Guisado, alén da súa produción literaria, con seis títulos en portugués entre 1910-1920, antes de Xente d'a aldea, e outros despois, goza tamén de recoñecemento en Portugal polo seu traballo político. Foi concelleiro de Lisboa e deputado na Assembleia da República (o Parlamento de Portugal). O golpe de estado do 28 de maio de 1926 interrompeu a súa carreira política; porén «non abandonaría o republicanismo de signo democrático», afirma Carlos Pazos. No volume agora editado en Ponteareas inclúe outros textos literarios, e tamén textos de intervención de Guisado, de temática galega. 

Pazos publicou varios estudos sobre este autor, desde o 2008. Xa se ten ocupado da relación con Galicia, especialmente en dous deles: Trajectória de Alfredo Guisado e a sua relação com a Galiza, que gañou o premio Carvalho Calero de Ferrol, e foi editado por Laiovento no ano 2010; e Relações culturais intersistémicas no espaço ibérico. O caso de Alfredo Pedro Guisado, editado polo Consello da Cultura Galega e a Universidade do Minho.