Unha colareira do Grove en París

Serxio González Souto
serxio gonzález O GROVE / LA VOZ

EUROPA

Martina Miser

Montse foi quen de elevar a rango de artesanía un oficio único en toda Europa que naceu do mar

27 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A mediados do século XIX, dous factores aliáronse para facer emerxer un oficio ata entón inexistente. A creación do balneario na illa da Toxa iniciou a actividade propiamente turística na punta sur da ría de Arousa. A fundación dunha fábrica de nácara revelou, de xeito paralelo, que nas cunchas dos moluscos residía un valor estético que podía ser aproveitado. O caso é que as mulleres do Grove puxéronse a engarzar cunchas que vender aos turistas que se achegaban a gozar dos célebres baños salutíferos. Primeiro coma complemento da súa actividade económica principal, fundamentalmente centrada no eido do marisqueo, pero co paso do tempo, mesmo coma primeira ocupación. Cando aquela empresa de madreperla pechou, logo da Guerra Civil, algunhas das súas empregadas proseguiron a actividade pola súa conta. Así é como foron nacendo as colareiras que hoxe, máis de cen anos máis tarde, constitúen, coa súa presenza, un dos trazos máis característicos da Toxa e do Grove.

O camiño para dignificar a profesión e elevala a categoría de artesanía, cando non existían precedentes, non foi doado. Precisamente por iso, Montserrat Betanzos Cacabelos (O Grove, 1970), pode sentirse lexitimamente orgullosa. Colareira e profesional acreditada, Montse é a única muller que forma parte da executiva da Asociación Galega de Artesáns (AGA), a organización máis representativa do sector en Galicia, e unha das máis importantes de toda España. Con 35 anos de traxectoria, o colectivo está formado por douscentos socios que traballan nas catro provincias do país. «Polo noso xeito de traballar, de presentar o produto e de organizarnos, os artesáns galegos somos xente totalmente recoñecible, e de feito somos un pouco pioneiros na forma de expresar a artesanía», explica a directiva da AGA.

Un meirande recoñecemento

Non son, engade Montse, tempos doados para ninguén. Tampouco para os profesionais do coiro, da madeira ou das cunchas. «Hai moita variedade, e a situación particular depende do que fagas, da túa disciplina. Hai xente que se dedica ás feiras, como é o meu caso, hai outros que imparten formación e mesmo hai quen traballa para grandes firmas de moda». De botar de menos algo, Montse non fala tanto de apoio económico -«que tamén fai falla»- coma de recoñecemento por parte da Administración, «de labor para difundir os oficios e de brindarse para conseguir cousas cando é necesario».

Ela mesma non sempre tivo claro que no labor coma colareira houbese un futuro. Máis ben ao contrario. «O meu é un oficio tradicional que só se da no Grove, polo menos non temos outras referencias en Europa. Consiste en elaborar complementos e bixutería partindo da cuncha mariña. É unha forma de vida que se vai herdando de nais a fillas e aprendes de xeito case involuntario. Eu, de adolescente, tiña moitas dúbidas. Traballaba só na época estival, estudei Relacións Laborais, fixen carreira e traballei na empresa privada, pero cando tiven a miña filla foi cando dixen que isto era o meu, o que a miña nai fixera toda a vida». A súa nai, Socorro, xa foi colareira a tempo completo. E a súa filla, Elisa, está estudando, «pero tamén está aprendendo o oficio».

Ser colareira é, polo tanto, unha profesión, e como tal debe ser tomada e defendida. No seu momento, Montse obtivo o carné de artesá, ademais do permiso que concedía o Concello do Grove para poder traballar na Toxa. Existe, de feito, unha ordenanza que regula a súa figura. «Ten carácter de lei e un réxime de sancións, estipula perfectamente o que se pode vender e o que non, e a presenza da persoa colareira». O problema é que non se fai cumprir. «Hai que ser valente, e o alcalde ao que lle toque debe facer cumprir esa ordenanza que regula o noso traballo». Nin Montse nin a súa nai acoden á Toxa dende hai anos. «Custounos moito dignificar o noso oficio, e é duro ver como se converte nun simple mercadillo, no que a xente vende produtos que nin recolleu nin elaborou, mesmo imáns. É algo grave, porque se perde a nosa identidade e non se lle dá opcións á mocidade», argumenta. Ela vende no seu obradoiro, en feiras e tamén a través da web www.montsebetanzos.com. Deste xeito, o seu traballo chego a Italia e Francia. Unha colareira do Grove en París non é algo que se vexa a diario.