Andrea Quintáns: «As estadías en Finlandia cambiaron por completo a miña forma de vivir»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

EUROPA

A ausencia de tecnoloxía foi «determinante» para o desenvolvemento da creatividade desta filóloga e narradora da Baña

21 dic 2020 . Actualizado a las 18:34 h.

Encántalle a zona vella, ­«sobre todo cando chove», matiza, as presentacións na libraría Lilith, acudir ás foliadas da Casa das Crechas, comer churros no café Derby (agora, pechado) e pasar horas na biblioteca pública Ánxel Casal. Chámase Andrea Quintáns Rey (A Baña, 1995), está a piques de graduarse en Filoloxía Inglesa e, actualmente, dá clases en liña da lingua de Harold Bloom.

Pero a xove profesora ten, dende pequena, unha particular inclinación pola creación literaria. Cando escribía daquela, Andrea sempre imaxinaba historias que lle pasaban a outra xente, pero agora prefire escribir sobre as súas vivencias. «A miña vida é o tema que mellor domino e falar sobre ela permíteme describir sensacións de maneira real. Tendo a escribir sobre o que me preocupa máis que sobre o que me fai feliz, porque as preocupacións son sentimentos que aínda non souben procesar», tal como engade a creadora que escribe e fala «sempre» en galego. «Éncheme de tristura que cada vez menos xente nova o fale; para min é unha riqueza ter unha lingua propia e poder usala en todos os ámbitos. Levo uns meses en Vigo e alí case ninguén fala galego. Encántame vir a Santiago porque teño a certeza de que, vaia onde vaia, sempre ha de haber alguén que me fale galego. Pero claro, se nin os políticos o saben falar ben, mal vamos», conclúe.

A filóloga confesa que o seu paso pola universidade «non foi dos mellores» para ela, porque non se sentiu motivada. Así e todo, unhas estadías universitarias en Finlandia compensárona. «Esas experiencias cambiaron a miña maneira de pensar e de vivir por completo. Relacioneime moito cos fineses, dos que aprendín a vivir dunha forma máis sinxela. Eles teñen outra maneira de consumir; por exemplo, as súas casas son espazos diáfanos onde teñen o imprescindible. Tamén tiven contacto con estudantes de todo o mundo na residencia onde me aloxaba. E fixen moito voluntariado en espectáculos», explica recordando esa etapa.

Crianza na aldea

Inquirida sobre se a crianza na aldea achega outra riqueza, Andrea responde que non sabe se depende tanto do mundo rural coma da maneira na que te críen. «Meus pais nunca me compraron consolas e tiven un móbil e Internet na casa sendo xa maior. Creo que a ausencia de tecnoloxía foi determinante para desenvolver a miña creatividade. De nena entretíñame co que había, xogando con landras ou escribindo contos, e tamén con moitos libros e moito cine», tal como rememora esta muller natural de A Baña.

La Voz xa publicou varios relatos seus e sorprende como é quen de falar das incertezas do amor: «Non creo que a miña idade sexa un factor determinante neste caso. Hai persoas maiores que levan coa mesma parella dende a adolescencia e non por iso saben máis ca min do amor. Saben dese amor, desa persoa, pero cada persoa ama de forma diferente, e se tes diversas experiencias e te relacionas con persoas distintas, é lóxico que a túa do amor evolucione. Cando tiña quince anos, pensaba que o amor era que me regalasen cousas por San Valentín. Agora, con vinte e cinco, penso que o amor se manifesta nun abrazo inesperado, outras nun sorriso furtivo. Coñezo a moitas parellas e ningunha delas se parece. Delas e das miñas propias experiencias aprendo a conformar a miña idea do amor, que seguro será diferente cos anos», segundo explica a xove narradora bañesa que escribe frases ou emocións como que «os namorados viven pendurados dun fío».

Andrea reivindica unha sociedade igualitaria na que «todas e todas» debemos ser feministas, aínda que cada vez ve máis machismo ao seu arredor. «Agora quen non é feminista é porque non sabe o que significa o termo», conclúe.