Gabriel André Iglesias, filólogo de Cospeito: «O norte de Portugal ten semellanzas coa Terra Chá e con outras comarcas galegas»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

EUROPA

É lector na Universidade Nova de Lisboa, e louva a integración da comunidade caboverdiana en Burela como exemplo de que as convivencias son posibles

09 nov 2019 . Actualizado a las 21:32 h.

«Andei o sistema universitario enteiro», comenta, con bo humor, Gabriel André Iglesias, que pasou polas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña para estudar cadansúa licenciatura e pola de Vigo para completar a formación cun mestrado. Xa de rapaz fixera un percorrido semellante aínda que máis curto, pois foi alumno primeiro do CPI Virxe do Monte (Cospeito) e despois do IES Trapero Pardo (Castro de Ribeiras de Lea).

O seu, dende logo, semella un caso de afección polo movemento: así pode explicarse que sexa lector na Universidade Nova de Lisboa, onde leva dende marzo do ano pasado, despois de ter traballado en Burela, dentro do proxecto de integración da comunidade caboverdiana.

-En Burela viven varias comunidades. É un exemplo de que as convivencias son posibles?

-É un exemplo de que as convivencias son posibles e do traballo sostido a través das institucións. Sobre todo, creo que é un modelo da sociedade que queremos para todo o país. A cultura caboverdiana é a máis coñecida, non a única, e o feito de que se fora integrando paréceme fantástico.

-Vostede é da Terra Chá, unha comarca na que non hai grandes cidades e unhas poucas vilas pequenas. Vale a dicotomía mundo urbano e rural para explicar a sociedade e a cultura no século XXI?

-Non. No século XX os da cidade tiñan unha parte da vida no rural; agora, xa non. Antes, para ir ao cine, tiñas que percorrer trinta quilómetros. Hoxe, con Internet, tes o mesmo acceso á cultura internacional, ca nunha cidade.

-Resiste mellor o galego na Terra Chá ca noutras comarcas?

-Na Terra Chá o galego ten unha saúde excelente, pero tamén a ten noutras comarcas: no oeste da Coruña, na Mariña... Pero o galego, na miña opinión, se ten futuro, é grazas aos neofalantes. Hai que facer un esforzo para que se aprenda. Hai xente disposta a dar ese paso, pero se cadra non o dá. O futuro do galego pasa polos neofalantes, para non perder o que temos.

-Pode trasladarse a outros lugares o modelo de integración de Burela? Na Terra Chá, por exemplo, hai algúns pequenos grupos de inmigrantes, aínda que son más recentes e máis reducidos.

-O modelo de traballo, si. Pero unha característica do modelo Burela é que é básica a implicación coa contorna local. Sempre ten que haber unha adaptación ao contexto, que forma parte da filosofía Burela. Hai un modelo de traballo que se pode aplicar a calquera contexto; pero tamén cómpre adaptarse ao local. A Terra Chá pode ter unhas características relativamente parecidas, pero tamén algo diferentes.

-Que tópicos de Galicia hai en Portugal?

-Hai varios Portugais. O do norte ten [con Galicia] unha relación transfronteiriza. O do centro non ten esa relación directa. Lisboa ten unha colonia galega moi forte; non sei se ata o punto de dicir que foi a inmigración máis forte na cidade, pero si das máis fortes. O que noto en Portugal é que hai descoñecemento de Galicia: non se estudan as cantigas de amigo, nos libros de Historia non existimos.... Acontece que as xeracións novas non teñen unha gran noción do que somos; as xeracións maiores si a teñen. Nós estamos para iso, para explicar o que somos.

-Como se lle explica a Terra Chá a un portugués?

-Cando digo de onde son, o primeiro que fago é explicar o que significan esas dúas palabras. Coméntolles que hai outro lugar chamado tamén Terra Chá nas illas Azores. Póñolles mesmo algunha música: Ataque Escampe, «Once upon a time. A Terra Chá». No norte de Portugal, sobre todo nas pequenas cidades e no rural, hai semellanzas coa Terra Chá e con outras comarcas galegas en xeral.

Viaxes para amosar a paisaxe chairega a rapaces doutros países

Se unha persoa do norte do Portugal do norte comeza a falar, hai uns momentos nos que pode pensarse que é galego. Iglesias recoñece que nota esa sensación, aínda que se esvace, engade, despois dunhas poucas palabras. De todos os xeitos, vale como exemplo de semellanza e de proximidade, que el tamén ten contribuido a construír.

Cada semestre el e estudantes que están en Lisboa alugan un coche -de nove prazas, amplo abondo para caberen todos- e veñen a Galicia. A Terra Chá convértese en parte moi importante da viaxe, non só polos lugares que visitan -a lagoa de Cospeito ou Vilalba, por exemplo- senón polo contacto con xente. Iglesias lembra que un deles, italiano, chegou a dicir que esa viaxe fora o seu primeiro contacto real co mundo rural europeo. Entre os viaxeiros tampouco adoitan faltar comentarios de admiración ao veren as cruces neogóticas dalgúns cemiterios.

Feliz pola rede de afectos que atopou no ensino

Despois de ter pasado por Burela para facer prácticas, o que lle permitiu entrar en contacto coa vila en xeral e coa variedade multicultural en particular, Gabriel André Iglesias conservou o vencello colaborando cun programa de radio e en proxectos como a visita dun profesor de lingua caboverdiana. «Deixou unha pegada, totalmente», di sobre a súa estadía nesa vila. Antes traballara no mundo da empresa, que, opina, queda moi lonxe do ensino. Nese campo, di, atopou «vontade de axuda» e unha «rede de afectos» que semellan retelo coa forza dun potente imán.