Este proyecto ha sido cofinanciado por

«Con 87 anos, é a primeira vez que voto e temos que gañar»

Esta veciña de Sada estivo emigrada máis de seis decenios e aínda que pedía o voto por correo non lle mandaban todas as papeletas

Laura Verdes Otero, vota por primera vez a los 87
Laura Verdes Otero, vota por primera vez a los 87

Sada / La Voz

Laura Verdes Otero, nada en Malpica e veciña de Sada dende hai ano e medio, estaba exultante tras votar na mesa do instituto Isaac Díaz Pardo sadense. Con 87 anos facíao por primeira vez. Con máis de sesenta anos na emigración segue conservando o seseo da súa terra. «Falo galego sempre, nunca o esquecín. Nunca fun francesa, nunca miña vida, sempre fun galega e española», comenta esta muller que vive de xeito independente. A súa filla Oliva di que sempre se poñía de mal xenio nos comicios, porque só lle chegaba unha papeleta que non era do seu gusto. 

-Estivo emigrada.

-Estiven en Francia, marchei con 22 anos. Daquela non era boa vida en España, eramos unha familia moi numerosa e eramos moi pobres, moi pobres. Había pouco que comer e tiñamos que traballar moito, non podía traballar máis e funme para Francia, alí caseime e tiven cinco fillos que había que crialos.

-Por que non votou por correo?

-Mandáronme, pero non era o que eu quería. Só me mandaban as do PP e non me interesaba porque con Franco tivémolas moi gordas. Tivemos un irmán que nolo viñeron a quitar da casa e os meus pais morreron esperando o retorno do seu fillo, e nunca veu. Alá tivemos moita miseria, moito rancho con verzas soas e algunhas fabas brancas. Era nova e esa miseria xa non a podía soportar.

-A quen quería votar?

-Sempre quixen votar socialista. Sempre e hoxe chegou o día e é o máis glorioso para min. Se perden vou estar moi triste, pero van a gañar. Imos gañar, é a primeira vez que voto e temos que gañar. Son moitos anos de espera.

-En Francia de que traballou?

-En todo, facía un xardín, unha horta e criei unha rapaciña 30 anos que non era miña.

-Por que volveu?

-Viñen para morrer.

-Non será para iso?

-Si, teño 87 anos e agora en Francia non facía nada. Veño a Galicia porque son galega e a Sada porque teño unha filla e unha neta. Vin porque o día que me chegue, que me queiran levar, xa está.

Votación
0 votos
Comentarios

«Con 87 anos, é a primeira vez que voto e temos que gañar»