«Os galegos foron pioneiros creando en Lisboa servizos como o de abastecemento»

EUROPA

Álvaro Ballesteros

O Liceo abre un novo ciclo sobre historia e cine coa proxección de «Galegos Lisboa; a historia xamais contada»

15 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Xan Leira vai ser o protagonista dun novo ciclo do Liceo sobre o cine documental con base histórica, no que este creador polifacético -é director, guionista e produtor audiovisual, ademais de escritor e profesor- é unha referencia. «Galegos en Lisboa; a historia xamais contada» é a primeira cinta. Proxéctase hoxe ás 20.00 horas e estará seguida dun coloquio no que participa o propio autor.

-¿Como naceu este traballo?

-Foi por mor do centenario da xuventude da Galicia do Centro Galego de Lisboa, que se conmemorou no 2008. Eu, que estou especializado na miña produtora no traballo de recuperación da memoria histórica das migracións e do exilio a América, do que eu son fillo, verdadeiramente descoñecía a emigración galega a Lisboa e foi para min un absoluto descubrimento. Cando se fala das grandes migracións dos galegos, son as de América ou as que houbo cara á Europa industrializada no século pasado, e esta quedou agochada, ou invisibilizada.

-¿Onde atopou entón o material para documentala?

-Empecei a pescudar sobre o tema e contactei co profesor Domingo González Lopo, da Universidade de Compostela, que é case a única persoa que ten un traballo de investigación importante sobre este particular. Traballei sobre esa investigación e a partir de aí viaxei a Lisboa, contactei con emigrantes e descubrín un verdadeiro xacemento histórico que se remonta ao descubrimento de América e que no documental vai reflectindo outras etapas ata a actualidade.

-¿Cómo foi aquela primeira migración dos galegos?

-Tralo descubrimento de América, a cidade de Lisboa, como en España as de Cádiz primeiramente e logo Sevilla, recibía as grandes riquezas das Américas e iso motivou que o persoal que alí fornecía a cidade de traballo manual emigrara cara ao novo continente. No caso portugués era a xente do norte, os nosos veciños, e nesa comunicación de veciñanza foron os galegos, os que a pé marchan cara a Lisboa para fornecela desa man de obra.

-¿Houbo algo que lle sorprendese especialmente?

-Que non só se centraron no traballo artesán. Os galegos foron elaborando novas maneiras de traballar e foron absolutos innovadores en servizos que hoxe vemos como normais, como o abastecemento de auga, levando o líquido ás vivendas, casa por casa. Pero tamén foron eles os que crearon servizos como o da correspondencia, levando cartas particulares entre veciños, documentos ou incluso transferencias de diñeiro entre persoas, o que demostra ata que grao foron merecedores e gañaron a confianza dos cidadáns.